A concellería de cultura xa ten preparada a programación do Outono Cultural 2026, unha axenda que reune máis de vinte actividades entre setembro e decembro en distintos espazos do municipio. A proposta combina artes escénicas, música, cine documental e espectáculos de maxia e está pensada para achegar a programación cultural a públicos de diferentes idades.
A primeira cita será o venres 25 de setembro ás 19:00 horas no Anfiteatro, onde SÖA presentará Coa cabeza nas nubes, un espectáculo que combina danza contemporánea e clown dirixido ao público infantil. Ao día seguinte, o sábado 26, Melandrainas Asociación Cultural levará ao escenario Asemblea de Mulleres, unha comedia baseada no clásico de Aristófanes.
A programación audiovisual concentrarase na Capela do Balneario durante os primeiros días de outubro. O Ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña achegará tres sesións gratuítas con Saber Galiza, o 1 de outubro, L’Archéologue, o día 2, e Ao son da nova regueifa, o día 3.
Un dos momentos destacados do calendario chegará o venres 9 de outubro coa estrea de Estuario, de Amarelo Cía. A proposta, baseada no teatro físico e no humor, contará ademais cunha preestrea escolar destinada ao alumnado do IES Manuel Murguía.
A programación teatral abordará tamén diferentes cuestións sociais. Os Náufragos presentarán Riazor Ostia o 6 de novembro, unha obra que aborda a LGTBIQ+fobia a través da conexión entre os crimes de Pasolini e Samuel Luiz. O 4 de decembro será a quenda de Ibuprofeno Teatro con Reconversión, unha peza ambientada nas loitas do sector naval vigués durante as décadas dos setenta e oitenta.
A música terá igualmente un papel destacado no Outono Cultural. Entre as propostas figura a actuación de Priscila con Lembra Xabarín, o 20 de novembro, un concerto no que se recuperarán cancións do rock galego dos anos oitenta e noventa. A axenda musical inclúe tamén a presentación de Arteixo, un mar de versos, o 14 de novembro, e os tradicionais concertos de Santa Icía, programados para o 21 de novembro.
Outras das propostas escénicas previstas son Señores, de De Ste Xeito, o 13 de novembro, e Mozas nas Redes, de aAntena, o 27 de novembro. A programación completarase con diferentes espectáculos destinados ao público familiar e coa Gala de Maxia Kenneth e Amigos, que o 11 de decembro poñerá o peche ao ciclo coa participación de ilusionistas internacionais.
As actividades desenvolveranse no Auditorio do Centro Cultural de Arteixo Manuel Murguía, na Capela e na Praza do Balneario e no Anfiteatro. O Outono Cultural conta co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A programación completa, con todas as datas e propostas, pode consultarse aquí (pdf)
