O Concello continúa avanzando no seu plan de mellora da mobilidade urbana mediante a creación de novos espazos de estacionamento gratuíto. A administración local está a tramitar actualmente os proxectos necesarios para habilitar dous novos aparcamentos nas marxes da Travesía de Arteixo, ao tempo que encara a recta final das obras dun terceiro estacionamento na rúa Sinforiano López, que entrará en servizo o vindeiro mes de maio.
As actuacións previstas na Travesía de Arteixo céntranse en dous puntos estratéxicos de alta demanda. O primeiro deles situarase fronte ao centro de saúde, no ámbito da unidade de actuación número 47, onde se habilitarán 37 prazas e se construirá unha nova rúa perpendicular á vía principal. O segundo proxecto desenvólvese no cruzamento co Camiño dos Cabalos, dentro da unidade de actuación número 5, onde se prevé a creación de 57 prazas de estacionamento circundadas por unha nova zona verde de tránsito peonil. Ambas as dúas intervencións buscan desconxestionar unha das principais arterias do municipio, facilitando o acceso tanto aos servizos sanitarios como á crecente actividade comercial da zona.
De xeito paralelo, o Concello ultima os traballos na rúa Sinforiano López, un enclave que conecta a Travesía de Arteixo coa avenida de Fisterra. Esta obra, que contou cun investimento de 82.000 euros, abrirase ao público en maio e ofrecerá 79 prazas nunha superficie de 2.100 metros cadrados. A infraestrutura, situada nunha das áreas máis poboadas, responde a unha demanda histórica de veciños e comerciantes e contribuirá a reducir a presión do tráfico en horas punta. Ademais do seu impacto residencial, este novo espazo facilitará o acceso á hostalería local e mellorará a conexión coas industrias do polígono de Sabón.

