Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Orzamento muicipal 2027: 72 millóns de euros e preto 21 millóns destinados a investimentos

PUBLICACIÓN

Orzamento muicipal 2027: 72 millóns de euros e preto 21 millóns destinados a investimentos

9 Nov, 2026 | NOTICIAS

O Concello levará ao pleno,o próximo martes, 17 de novembro, os orzamentos para o exercicio 2027, que ascenden a 72 millóns de euros. A empresa pública Sumarte contará cun orzamento de 10,2 millóns de euros. Unha vez eliminadas as transferencias internas e as partidas duplicadas entre ambas entidades, o orzamento consolidado do Concello e Sumarte situarase nos 76,6 millóns de euros.

As contas municipais para 2027 incrementan a súa dimensión respecto ao exercicio actual, no que o orzamento do Concello ascendeu a 66,2 millóns de euros e o consolidado co da empresa pública Sumarte foi de 70,8 millóns.

Un dos capítulos máis destacados será o de investimentos, ao que se destinan 20,8 millóns de euros, arredor do 29 % do orzamento municipal. Entre os principais proxectos figura a construción dun novo pavillón deportivo na avenida de Arsenio Iglesias, na zona escolar e deportiva de Arteixo. A instalación terá unha superficie próxima aos 7.000 metros cadrados e contará co dobre de pistas deportivas que o actual Pazo dos Deportes, ao que complementará dentro do complexo deportivo municipal.

O investimento global previsto para esta infraestrutura roldará os sete millóns de euros. Nos orzamentos de 2027 inclúese unha primeira partida de 279.000 euros destinada a iniciar a redacción do proxecto de execución e os primeiros trámites administrativos. As seguintes consignacións incorporaranse en posteriores modificacións orzamentarias, segundo avance o desenvolvemento do proxecto.

As actuacións destinadas a mellorar a seguridade e a accesibilidade dos desprazamentos a pé constitúen outro dos bloques importantes do investimento, cunha dotación aproximada de 3,4 millóns de euros.

En Loureda executaranse dúas sendas consecutivas na estrada DP-511: a de Ervedíns, cun orzamento de 712.000 euros, e a de As Barreiras, cun investimento de 460.000 euros. Ambas permitirán establecer unha conexión peonil segura e ininterrompida entre os lugares de Ervedíns e O Foxo.

Tamén se contemplan actuacións na estrada DP-506, en Barrañán, cun investimento de 1,2 millóns de euros, e na rúa Río de Vilarrodís, cun orzamento de 992.000 euros.

Os proxectos pretenden resolver as deficiencias actuais destas vías, nas que a ausencia de beirarrúas e cunetas e as limitacións de visibilidade dificultan os desprazamentos peonís e comprometen a seguridade viaria.

Os orzamentos reservan tamén preto de 900.000 euros para novos equipamentos en parques e zonas verdes. Entre as actuacións previstas destacan dous novos parques infantís.

En Vilarrodís crearase un novo espazo de lecer de 800 metros cadrados, que substituirá e ampliará a superficie do parque actual, de apenas 200 metros cadrados. A nova instalación estará situada nas proximidades do centro de saúde e da escola infantil, nunha zona con elevada densidade de poboación. O proxecto suporá un investimento de 460.000 euros.

A outra actuación será a construción dun novo parque no Quinto Pino, cun orzamento similar, que substituirá o actual equipamento infantil.

O funcionamento ordinario dos servizos municipais contará cunha dotación próxima aos 28,5 millóns de euros. Este capítulo inclúe gastos relacionados coa limpeza viaria, o mantemento de parques e xardíns, as actividades culturais e deportivas, a educación e o conxunto de prestacións municipais.

Dentro deste ámbito destacan os servizos sociais, que dispoñerán de 7,7 millóns de euros anuais. O Servizo de Axuda no Fogar contará cunha partida de 2,9 millóns, á que se engaden os recursos destinados aos programas de conciliación e ás actividades dos centros sociais.

O apartado de ingresos contempla a captación de preto de 11,6 millóns de euros procedentes doutras administracións. Neste ámbito destacan os recursos europeos, dos que Arteixo prevé recibir case 3,6 millóns de euros durante 2027, destinados principalmente a actuacións relacionadas coa mobilidade e a sustentabilidade.

O orzamento incorpora tamén partidas vinculadas a outras liñas de actuación municipal, como a modernización de infraestruturas, a apertura de novas rúas e a creación de máis prazas de aparcamento.

As contas serán sometidas ao debate e votación da corporación municipal no pleno previsto para o martes 17 de novembro.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso