Tras finalizar a primeira fase da reforma do complexo do Balneario de Arteixo coa conversión da planta baixa e o xardín en espazos públicos, o concello organiza unha xornada de portas abertas este próximo venres a partir das 16.00 horas.
Os 400 m² da planta baixa dedicáronse a unha ludoteca para nenos e novos e un espazo para maiores. Por outra banda o xardín exterior adecuouse para a organización de espectáculos e eventos, para o que se instalaron unhas bancadas e modernizouse a zona verde.
É a primeira fase das obras de reforma do inmoble que suma un total de 1.800 m². Despois desta primeira fase de obras acometerase unha segunda fase na que se adecuarán o primeiro e o segundo piso do edificio principal. O primeiro estará dedicado a un espazo de coñecemento 2.0 con equipamento dixital e audiovisual. A segunda planta será ocupado pola biblioteca central do concello. Por outra banda no edificio de planta baixa anexo (a antiga casa de baños) instalaranse unhas termas públicas abertas a todos os veciños. Outra parte do complexo é a antiga capela do Balneario, cuxas obras comezaron hai dúas semanas co obxectivo de convertela nun espazo para exposicións e pequenos eventos públicos.
O Balneario de Arteixo é un complexo de edificios cuxa creación se remonta a mediados do século XVIII. É un elemento fundamental na historia do municipio e a zona na que se atopa xa existen outros edificios públicos como a Residencia de Maiores e a Escola Infantil ou o Centro Cívico de Arteixo. Esta conversión do Balneario nun equipamento público virá reforzar tamén a calidade urbanística desa zona situada ao redor do paseo fluvial do río Bolaños.
Á parte da xornada de portas abertas ás 16.00, este próximo venres realizarase ademais de 20.00h a 21.00h unha actuación de maxia co Mago Rufus.
Posteriormente o horario habitual do Balneario será de luns a venres de 16.00h a 20.00h. Sábados e Domingos de 11.00h a 13.30h -16.00h a 20.00h