Turismo Arteixo
O Concello de Arteixo está situado na provincia da Coruña, no extremo máis occidental do Golfo Ártabro, onde se insiren as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña, reflexo dun territorio que puido estar poboado polos Ártabros ou Arrotrebas.
Arteixo linda coa cidade da Coruña e tamén é a porta de entrada cara a Costa da Morte, cuxa impresionante natureza é un dos reclamos mellor gardados de Galicia.
O territorio arteixán é un lugar de paso para acceder á vila de Caión compartindo o camiño que percorren milleiros de persoas romeiras ao seu Santuario da Virxe dos Milagres.
Para achegarse a Arteixo temos a autovía estatal do Noroeste A-6 que se achega á coñecida rotonda de Sabón. Desde A Coruña hai varias opcións. Unha delas é a estrada autonómica AC-552 A Coruña – Fisterra (por Vilarrodís), outra é elixir a estrada municipal AC-415 ao seu paso por Meicende e Pastoriza. Tamén temos a opción de circular pola autoestrada autonómica, de peaxe, A Coruña – Carballo AP-55 que conta cunha saída na rotonda de Sabón.
Outras opcións vindo igualmente da Coruña son a estrada provincial CP-0512 O Campo – Birloque por Uxes ou a estrada provincial CP-0510 por Confurco-Uxes e ramal a Orro, entre outras.
Desde os Concellos de Culleredo e A Laracha, que lindan co de Arteixo, tamén hai accesos viarios con menos tránsito o que posibilita coñecer mellor a vida cotiá e o espazo rural arteixán.
A paisaxe de Arteixo é rica e variada. Combina espazos de interior cunha ampla franxa de litoral bañada polo Océano Atlántico o que lle confire a este municipio unha identidade e unha singularidade especial para gozar do tempo de lecer cos seus fermosos areais, calas ou cantís, completados con fermosos paseos na contorna do interior que permiten observar os valores etnográficos que este municipio posúe de seu.
Poboación
O municipio de Arteixo pertence ao partido xudicial da Coruña e dista 11 km da capital da provincia. Linda ao norte co Océano Atlántico, ao nordeste co Concello da Coruña, ao leste co de Culleredo, ao sur e sueste linda co Concello da Laracha e ao oeste, linda cos Concellos de Carballo e da Laracha (hai unha pequena franxa pola banda de Corteo – Monteagudo- que linda co Concello Carballo) e finalmente volve lindar co da Laracha pola banda de Caión.
Por mor das súas relacións económicas e funcionais está relacionado coa Mancomunidade de Municipios onde se integran, ademais de Arteixo, os concellos de Sada, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Culleredo, Carral e Cambre.
A súa superficie é duns 93,4 km2 e alberga dentro da mesma o Porto Exterior de Lagosteira. Lagosteira deriva do latín lacusta, variante do latín locusta ‘lagosta’, así que a súa denominación correcta segundo o seu étimo é LAGOSTEIRA.
Son trece as parroquias que o configuran: Armentón, Arteixo, Barrañán, Chamín, Lañas, Larín, Loureda, Monteagudo, Morás, Oseiro, Pastoriza, Sorrizo e Suevos. A día 29/09/2015 son 31.434 habitantes os que figuran no censo de poboación. Están moi poboados os núcleos de Arteixo, a capital, e os de Vilarrodís e Meicende inseridos nas parroquias de Oseiro e Pastoriza respectivamente.
Até hai pouco tempo a capital municipal era A Baiuca pero no ano 2001 a Comisión de Toponimia de Galicia estableceu a denominación oficial de todas as entidades de poboación do territorio municipal de Arteixo e aprobou a solicitude presentada polas autoridades locais para asignarlle o mesmo nome de Arteixo á vila da capital do concello, correspondente á localidade historicamente denominada A Baiuca (Arteixo e Onte a Hoxe) .
A partir dos anos sesenta a poboación deste municipio experimentou un notable crecemento por mor da construción do Polígono industrial de Sabón, que supuxo un cambio na súa dinámica económica que pasou de ser basicamente rural a sumarse ao sector terciario. Este revulsivo serviu de acicate para que moita xente nova se achegase a residir no municipio de Arteixo o que incidiu directamente no seu desenvolvemento económico e industrial.
Oficina de Turismo de Arteixo:
Avenida de Fisterra, s/n, 15142 Arteixo
676 181 204
turismo@arteixo.org
Horario de atención ao público:
Noticias de turismo arteixo
O rego da Groba protagoniza unha nova ruta «Camiña e coñece o teu concello»
Nova ruta para coñecer Arteixo co Depatamento de Turismo. A actividade "camiña e coñece o teu concello" propón unha visita a Larín e o rego da Groba para o próximo 29 de abril. As prazas son limitadas e os apuntamentos pódense formlizar ata o 27 de abril chamando...
As construccións de Arteixo centran a temática do calendario municipal 2023
A foto dun edificio histórico, un público ou a da túa propia casa son só algúns exemplos da temática que ilustrará o calendario municipal 2023. A concellaría de Turismo que dirixe Patricia Amado convoca, un ano máis este concurso co que se pretende que sexa a...
O outono trae novas rutas de sendeirismo co departamento de turismo
Coñece e Camiña o teu concello é o programa co que o Departamento de Turismo axuda a difundir a riqueza natural, etnográfica e cultural do noso municipio. Faino a través de rutas de sendeirismo accesibles a toda a poboación e para as que é necesario inscribirse...
Turismo «peregrina» aos milagres
O Departamento de Turismo organiza, para o próximo 10 de setembro, unha nova ruta de sendeirismo enmarcada no programa "coñece e camiña o teu concello". Serán 14 quilómetros e terá unha duración aproximada de catro...
Volve o Festival de Sisalde despois de dous anos paralizado pola pandemia
O Festival Folk de Sisalde alcanza en 2022 a súa IV Edición e volve a se converter en referente do circuito nacional despois de dous anos de parón obrigado polas restriccións da pandemia. A fraga de Sisalde, un dos humedais mellor conservados da provincia coruñesa,...