O Boletín Oficial da Provincia publica, a convocatoria de subvencións destinadas ás asociacións ou comisións de festas do Concello de Arteixo para a organización de eventos patronais e romarías durante o exercicio 2026.
O programa establece axudas económicas directas para sufragar os custos derivados de actuacións musicais, aluguer de infraestruturas como carpas e iluminación, así como gastos en seguridade e pirotecnia.
As contías estipuladas varían segundo a tipoloxía do evento e a formación musical contratada. Para as festas patronais ou asimiladas, o Concello achegará 4.500 euros por día de festa no caso de contar con orquestras de cinco ou máis integrantes, e 2.000 euros diarios para formacións menores. En ambos supostos, o máximo subvencionable será de tres xornadas por lugar. Para as festas non patronais e romarías, fíxase unha contía única de 2.000 euros ata un máximo de tres días.
As entidades interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 8 de xuño de 2026 para presentar as solicitudes por vía telemática. Como requisito indispensable, as festas deberán contar coa autorización previa á súa celebración e figurar no anexo de lugares incluído nas bases. Unha vez realizado o evento, as comisións disporán de 15 días naturais para presentar a xustificación dos gastos efectuados.
