Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Preto de 70 persoas maiores de 50 anos participarán na nova edición do programa da Universidade Sénior en Arteixo

/ Preto de 70 persoas maiores de 50 anos participarán na nova edición do programa da Universidade Sénior en Arteixo

A Capela do Balneario acollerá o próximo luns 13 de outubro, ás 17:00 horas, a inauguración da nova edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos de Arteixo. Nesta edición participarán preto de 70 persoas.

A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha neste 2025 a cuarta edición deste Programa de Formación Universitaria Específico para Adultos Maiores, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Arteixo. O programa desenvolverase entre os meses de outubro e novembro na Capela do Balneario de Arteixo.

O acto de inauguración contará coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, e da concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, Inés Ramos Álvarez.

O programa consta de tres módulos temáticos, con sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña dúas veces por semana. Os módulos abordarán diversas áreas de coñecemento:

O Módulo I, dedicado ás Humanidades e Ciencias Sociais, incluirá as sesións A dirección artística no cine (13 de outubro), A xestión do común: unha visión desde a economía e os cómics (14 de outubro) e Literaturas do mundo: unha viaxe á orixe dos libros (23 de outubro).

O Módulo II, centrado nas Ciencias da Terra e a Tecnoloxía, desenvolverase con Bioinvasións en Galicia: mecanismo, impacto e xestión (27 de outubro), ADN antigo e evolución humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos xenes (28 de outubro) e Descubrindo a intelixencia artificial: retos, aplicacións e ferramentas (3 de novembro).

O Módulo III, sobre Ciencias da Vida e da Saúde, ofrecerá as sesións O cambio climático: causas e consecuencias (10 de novembro), Enfermidades cardiovasculares e diabetes (11 de novembro) e Boas prácticas para o coidado do benestar psicolóxico (17 de novembro).

O programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, o 19 de novembro, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas.

Con este programa, a Universidade Sénior achégase un ano máis ás persoas maiores de 50 anos de Arteixo e da súa comarca, co obxectivo de seguir respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas, como vén facendo desde o ano 2018.

Ir al contenido