O campo municipal de Pastoriza acolle a primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas para as categorías sub 15 e sub 17 femininas que terá lugar do 1 ao 3 de abril.
Galicia será a gran anfitrioa dun torneo no que tamén participarán as seleccións de Canarias e Extremadura.
A Real Federación Galega de Fútbol, grazas á inestimable colaboración do Concello de Arteixo, elixiu o campo de Pastoriza ao tratarse dunha moderna e extraordinaria instalación deportiva, cunha superficie sintética de última xeración, a súa dimensión é de 101 por 65 e foi inaugurado hai pouco máis dun ano. En definitiva, unha instalación que conta con todos os servizos necesarios para albergar unha cita deportiva deste nivel.
Ademais da calidade da instalación, a Real Federación Galega de Fútbol optou por organizar este evento no Concello de Arteixo e neste campo de Pastoriza debido á forte aposta da SCD Pastoriza e do goberno municipal polo fútbol feminino, xa que durante a presente campaña conta cun equipo na Liga Galega infantil, outro na Liga Galega Promesas e dous na Segunda División Galega Feminina.
Canarias e Extremadura serán os rivais das Seleccións Galegas sub 17 e sub 15 femininas na primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Desta primeira fase sairán os 8 combinados clasificados para loitar polo título nacional de Seleccións Autonómicas en ambas as categorías, que nesta segunda e decisiva fase formarán parte do denominado Grupo OURO (as cinco primeiras de cada grupo e as tres mellores segundas).
As seleccións restantes que non lograsen clasificarse para formar parte deste Grupo ORO tamén competirán no Grupo PRATA.
Todos os encontros desta primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas disputaranse (xornadas do venres, sábado e domingo) ás 10.30 horas (categoría sub 15) e ás 12.30 horas (categoría sub 17).
A Selección Galega sub 15 que dirixe Vicky Vázquez será a encargada de abrir o campionato este venres día 1 a partir das 10.30 horas ante Canarias. Dúas horas máis tarde será a quenda da Selección Galega sub 17 que prepara Quin Valbuena e ante o mesmo rival.
Para o sábado queda o dobre enfrontamento entre as seleccións de Canarias e Extremadura.
As nosas pecharán a cita o domingo ante as seleccións de Extremadura.