O Concello de Arteixo cofinancia, xunto coa Deputación Provincial, as obras de mellora da rede de saneamento nas parroquias de Loureda e Arteixo. O proxecto permitirá reparar o colector xeral do río Arteixo, no tramo que vai desde Ponte do Ba ata a travesía de Arteixo. O novo colector permitirá ofrecer un mellor servizo ás preto de 2.000 persoas que residen na contorna.
O Plan Único da institución provincial aporta 318.902 euros para levar a cabo os traballos, o que supón o 70% do custo total do proxecto, cun orzamento total de 453.207. A contía restante é achegada polo Concello de Arteixo nunhas obras que veñen de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado.
Na actualidade, a parroquia de Loureda conta cun colector xeral que recolle as augas residuais nos diferentes núcleos da mesma e conduce ata o bombeo do Rañal. Este, que discorre de forma paralela ao río de Arteixo, presenta un estado deficiente debido aos máis de 50 anos de antigüidade da rede e á mala execución de determinados puntos, como son as unións dos diferentes tramos, a pendente e os encontros cos pozos.
Esta situación provoca importantes filtracións de auga, especialmente en época de choivas, o que afecta ao normal funcionamento do bombeo do Rañal, que ten que traballar cun caudal moi superior ao esperado.
Substitución do colector no tramo afectado
Para dar solución á problemática substituirase o colector no tramo afectado, desde a DP-0508 en Ponte do Ba ata a travesía de Arteixo, por un novo en gravidade de 867 metros de lonxitude executado en tubaxe PVC corrugado. Este instalarase cun trazado variante baixo o carril bici do paseo fluvial de A Baiuca, alonxándose o máximo posible do río para poder manter en servizo a rede actual. Dentro das actuacións inclúese as conexións á rede existente e a reposición das zonas do carril bici e das beirarrúas que se vexan afectadas pola instalación.
As obras contan cun prazo de execución de cinco meses, e ao longo deste período produciranse cortes na circulación de coches pola zonaque dá acceso ao garaxe do edificio situado na esquina da intersección entre a travesía e o carril bici. Procederase a notificación destas aos veciños e veciñas que poidan verse afectados coa antelación necesaria.
Desde a súa creación en 2017 o Plan Único leva financiado 294 obras de ciclo da auga (saneamento e abastecemento) na provincia cun investimento total de máis de 36 millóns de euros.