Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto
Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto

Inicio > O pleno aproba o presuposto de 2023 cos votos favorables do PP e a abstención do PSOE

PUBLICACIÓN

O pleno aproba o presuposto de 2023 cos votos favorables do PP e a abstención do PSOE

24 Nov, 2022 | NOTICIAS

O concello de Arteixo aprobou hoxe os orzamento de 2023 cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e os votos en contra de BNG e o concelleiro non adscrito Antonio Patiño.

O orzamento para o 2023 é de 69,5 millóns de euros. Esta cifra supón un aumento de preto de 9,2 millóns de euros respecto ao 2022, cando o orzamento foi de 60,3 millóns de euros.

Un dos capítulos que aumentan é o destinado a Servizos Sociais, que contará con 8,4 millóns de euros de investimento, e que aumentou un 80% desde o ano 2020, cando se orzaron 4,7 millóns, mentres que en 2021 foron 6,7 e en 2022 7,6 millóns. O concello aumentou o número de horas que se destinan ao servizo de axuda a domicilio e puxo en marcha novos servizos como o de Atención Temperá, cuxo obxectivo é detectar posibles necesidades ou trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos. Este servizo, que será gratuíto para as familias, desenvólvese nas instalacións da Residencia de Maiores de Arteixo.

O concello tamén poñerá en marcha dous centros Concilia en Meicende e Arteixo en 2023, centros que estarán dedicados á atención especializada a nenos e maiores. Tamén están proxectados outros centros Concilia en Vilarrodís, Pastoriza e Sol e Mar.

Tamén se subiu un 20% o capítulo dedicado a Educación nos orzamentos de 2023, nos que figura un total de 2,7 millóns, que inclúe o funcionamento da gardería municipal, a escola municipal de música, as actividades extraescolares, as bolsas para os comedores escolares ou a compra de libros texto, ou as obras de mellora ou mantemento dos diferentes centros escolares.

Novas infraestruturas e investimentos Respecto ao capítulo de investimentos en novas infraestruturas, o concello de Arteixo alcanza os 26,7 millóns de euros. Esta subida está motivada, entre outros investimentos, polas obras que se acometerán na segunda fase de actuacións no complexo de edificios do Balneario de Arteixo. Actualmente estanse acometendo as obras da planta baixa e o xardín do edificio principal, e o ano que vén iniciaranse as obras da primeira e segunda planta do edificio principal, o edificio destinado a termas públicas e a capela do Balneario. Todo este complexo compatibilizará os usos sociais e culturais cos propios dunhas termas públicas. Nesta segunda fase das obras, o investimento estimado supera os 1,6 millóns. A esta cifra hai que sumarlles os 768.000 euros de investimento xa executados no seu maior parte na planta baixa e no xardín (as obras finalizarán o mes que vén) e os 569.000 que xa se están licitando (adxudicarase no prazo dun mes) correspondentes á conversión da capela do Balneario nun espazo para eventos culturais.

Dentro do capítulo de investimento tamén aparecen a urbanización de varias zonas do concello nunha partida total de 2,57 millóns, dentro da cal se investirán 772.000 euros na apertura de novas rúas e construción dunha zona verde na zona de Candame (núcleo de Arteixo), a urbanización con novas beirarrúas e zonas verdes na travesía de Pastoriza á altura de estadio de fútbol (implicará a expropiación de varias casas en ruínas da zona) con 638.000 euros de orzamento ou a urbanización das rúas Pombales e Canabal na zona do Alto de Arteixo, con 260.000 e 150.000 euros de orzamento respectivamente.

A construción dun novo centro social en Monteagudo (para o que xa existe proxecto e terreo adquirido polo concello) executarase no 2023 cun orzamento de 600.000 euros. Tamén aparecen partidas para as construción de novas sendas peonís en diferentes parroquias do municipio por un total de 900.000 euros, a compra de autobuses eléctricos para reforzar o servizo de transportes municipal con 300.000 euros ou o investimento na modernización da iluminación pública e dos edificios municipais por preto de dous millóns de euros, neste caso solicitados aos fondos europeos Next Generation.

Outras partidas importantes dos orzamentos potenciarán a creación e modernización de parques, aos que se destinan 1,1 millóns (635.000 achegados polos fondos europeos Feder e 500.000 euros con fondos propios) ou a mellora da infraestrutura dos centros educativos (200.000 euros). O orzamento aparece desagregado na parte dos orzamentos xerais, que son ao redor de 65,8 e outros 3,8 millóns para a empresa pública Sumarche, que xestiona o abastecemento e o saneamento de auga, e a limpeza pública.

Ir al contenido