Filtro xeral
Filtro xeral

 

Inicio > O Museo Mar de Sorrizo trasládase ás rúas para visibilizar e celebrar o seu patrimonio mariñeiro

/ O Museo Mar de Sorrizo trasládase ás rúas para visibilizar e celebrar o seu patrimonio mariñeiro

O Concello de Arteixo vén de poñer en marcha unha nova acción de promoción no proxecto Mar de Sorrizo: dinamización do patrimonio cultural pesqueiro e marítimo de Arteixo, financiado a través das axudas do GALP Golfo Ártabro Sur, pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A actividade consistirá nunha exposición de paneis exteriores que percorrerá dous puntos estratéxicos do concello. Terá por tanto carácter itinerante, pensado para achegar o proxecto ao maior número de persoas posible.

A exposición contará con oito paneis dispostos en cruz nunha estrutura a gran escala, na que se fará un repaso pola historia do Museo Mar de Sorrizo e as actividades recollidas no proxecto homónimo, co fin de animar á veciñanza e visitantes a desfrutar da gran oferta educativa e turística do proxecto.

A exposición pretende – ademais de dar a coñecer o proxecto – visibilizar a través da oferta de actividades a riqueza do patrimonio mariñeiro local. Con especial atención á memoria local, oficios do mar que aquí desempeñaban as mulleres, riqueza xeolóxica, flora e fauna excepcional, avistamento de cetáceos e grandes historias de naufraxios, entre outros moitos tesouros do patrimonio inmaterial arteixán.

A exposición estará dispoñible dende hoxe na parte alta da rúa peonil Avda. do Balneario. Aquí permanecerá unha quincena e posteriormente, trasladarase inmediacións do Santuario de Pastoriza.

Se queres desfrutar da exposición non dubides en achegarte a calquera destes puntos e descubrir máis da historia do litoral de Arteixo e o seus segredos mellor gardados. Mar de Sorrizo é unha proposta que se desenvolve entre os anos 2024 e 2026 co obxectivo xeral de recuperar e divulgar o patrimonio mariñeiro do Concello de Arteixo. Esta campaña de paneis expositivos representa un paso máis na difusión da cultura mariñeira e na promoción do turismo sostible vencellado ao litoral arteixá, favorecendo así a dinamización social e económica do territorio.

Ir al contenido