Filtro xeral
Filtro xeral

 

Inicio > O Museo Mar de Sorrizo acolle o ciclo “Voces Mariñeiras” para poñer en valor o patrimonio mariñeiro local

/ O Museo Mar de Sorrizo acolle o ciclo “Voces Mariñeiras” para poñer en valor o patrimonio mariñeiro local

O Concello de Arteixo, a través do Museo Mar de Sorrizo, impulsa o proxecto “Voces Mariñeiras”, unha iniciativa destinada a recuperar e divulgar o patrimonio mariñeiro, tanto material como inmaterial, do litoral arteixán, e a fomentar un turismo sostible e respectuoso co medio mariño.

As sesións celebraranse os venres de outubro, en horario de 17:30 a 19:30 horas, co acceso libre ata completar capacidade. Participarán carpinteiros de ribeira, percebeiros e artistas vinculados co mar, que compartirán co público as súas experiencias, saberes e visións sobre o patrimonio marítimo galego.

O proxecto nace co propósito de preservar e dinamizar o patrimonio mariñeiro e ambiental de Arteixo, fortalecendo o vínculo entre a comunidade e o seu litoral. Busca poñer en valor o patrimonio mariñeiro e natural do municipio, recuperando saberes tradicionais e coidando o patrimonio ambiental e cultural vinculado ao mar, incluíndo a conservación das tradicións mariñeiras e das súas embarcacións.

Programación do ciclo

  • 10 de outubro: Divulgación do patrimonio marítimo de embarcacións tradicionais de Galicia (I), a cargo de Miguel Martínez e María José García, da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros (Sada). A sesión ofrece un percorrido pola historia e cultura das embarcacións tradicionais galegas e polos 17 anos de traballo da asociación na conservación do patrimonio marítimo.

  • 17 de outubro: Percebeiros: a vida no cantil. Percebeiros de Suevos e da contorna achegarán o seu testemuño sobre un dos oficios máis arriscados e emblemáticos da costa galega, permitindo ao público coñecer de cerca o seu día a día.

  • 24 de outubro: Continuación da primeira sesión sobre embarcacións tradicionais, abordando aspectos máis técnicos e prácticos da navegación. Incluirá demostracións en directo de construción de estrobos e explicacións sobre velas características como a latina ou de relinga.

  • 31 de outubro: Mariñeiros: cartografía sonora dun mundo abisal, con Xosé Iglesias, artista e mariñeiro, quen presentará o seu último libro Nao Cetácea e ofrecerá unha visión poética do mundo mariñeiro.

O Museo Mar de Sorrizo, situado na costa de Sorrizo, ocupa o edificio dun antigo centro de investigación mariña dos anos 80. A iniciativa busca recuperar e poñer en valor o patrimonio cultural e pesqueiro do litoral arteixán, combinando investigación, formación e divulgación.

Ir al contenido