O ministerio de Transporte que dirixe Óscar Puente acaba de ofrecer como escusa para non iniciar a construción da ligazón de Meicende que hai unha instrución do ano 2010 que o impide, cando este mesmo ministerio aprobou un proxecto de construción, consignou unha partida orzamentaria durante varios anos e iniciou un proceso de expropiación dos terreos.
O concello de Arteixo considera esta información unha nova escusa destinada a ocultar a súa intención de non acometer esta infraestrutura necesaria para sacar o tráfico pesado de mercadorías perigosas do núcleo urbano de Meicende e canalizalo a través da autovía do Porto Exterior.
Nunha resposta que polo seu contido parece dirixida a outro tipo de infraestrutura e que mostra a confusión e o descoñecemento do ministerio sobre esta ligazón, o ministerio afirma que a normativa que menciona (a instrución contida na Orde FOM/331/2010) impide executar obras cuxa justiticación se base en desenvolvementos urbanísticos “como polígonos industriais ou similares”.
Parece o ministerio confundir a ligazón de Meicende con outra infraestrutura, xa que esta ligazón conectaría a autovía do Porto coa estrada AC-415 a través de terreo rústico situado nun escampado entre Pastoriza e Meicende, sen que exista alí ningún polígono industrial ou desenvolvemento similar.
Máis surrealista se cabe é a resposta se se ten en conta que o ministerio redactou un proxecto de construción e iniciou un proceso de expropiación dos terreos, cifrando no seu día o custo da ligazón en 6,67 millóns de euros e xustificando plenamente a súa construción debido á necesidade de aproveitar o paso pola zona da autovía do Porto Exterior e a necesidade de evacuar os camións de mercadorías perigosas da refinería por un roteiro seguro. Tamén incluíu partidas orzamentarias durante varios anos nas súas contas.
O alcalde de Arteixo considera esta falta de coordinación como “alarmante nun ministerio que cambia as normas ao seu gusto como forma de atrasar as obras e opoñerse á mellora das infraestruturas na comarca coruñesa. A idea central do estudo técnico da ligazón de Meicende pasa por desviar da AC-415, que atravesa o centro urbano de Meicende, todo o tráfico pesado procedente de industrias como a refinería. Todo este tráfico tería así unha ligazón directa coa autovía do Porto Exterior.
A idea xeral exposta no seu día polo concello de Arteixo ao ministerio é que todas as infraestruturas que se constrúan en Arteixo con motivo de obras como o Porto Exterior, redunden nalgunha medida no benestar dos cidadáns. As escusas do ministerio de Transportes son máis obvias se se ten en conta que a zona onde se construirá a ligazón de Meicende foi xa analizada en varias ocasións por estudos de impacto ambiental, carios proxectos de infraestruturas, expropiacións e partidas incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado como o que se necesitou para a construción da autovía do Porto Exterior.