O concello de Arteixo celebra que a Xunta de Galicia reforce a oferta educativa neste municipio coa incorporación, xa este setembro, das ensinanzas de Bacharelato no IES de Pastoriza, tal e como lle confirmou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ao alcalde Carlos Calvelo.
De feito, a Consellería abriu hoxe mesmo un período extraordinario de admisión para solicitar praza nas dúas modalidades de Bacharelato que se van ofertar o vindeiro curso 2022-23, a de Ciencias e Tecnoloxía e a de Humanidades e Ciencias Sociais. Ofertaranse un total de 66 prazas en 1º curso de Bacharelato a razón de 33 por modalidade.
Para tal fin habilitaranse dúas aulas polo que o centro disporá de 18 aulas (16 delas para a etapa de ESO). O conselleiro tamén se comprometeu co alcalde a que a unidade técnica da Consellería realice unha avaliación de obras e melloras neste centro que se implementarían no curso 2023-24 co fin de ir completando a etapa de Bacharelato.
Esta decisión tómase despois dun estudo no que se tiveron en conta os datos actuais de matrícula en ESO no IES de Pastoriza así como a previsión de alumnado que pasará a cursar estudos de Bacharelato, e no que se concluíu que vai existir demanda suficiente nesta etapa que actualmente só se pode cursar nos institutos Manuel Murguía e de Sabón.
“É moi boa noticia que se amplíe a oferta educativa do concello de Arteixo a través da implantación dos estudos de bacharelato en Pastoriza, unha demanda dos veciños da parroquia que agora se fai efectiva”