O Festival Folk de Sisalde presentouse hoxe no propio entorno da fraga de Sisalde, un espazo natural único do concello de Arteixo. No acto participaron o alcalde Carlos Calvelo e a concelleira de Turismo, Patricia Amado, quen destacou que o obxectivo do festival é recuperar o espírito das romarías populares, nas que se combinaba pasar un día en familia na natureza coa música.
A presentación contou cunha pequena actuación do grupo Arnela, que tamén formará parte do cartel deste sábado.
O festival celebrarase o sábado 6 de setembro desde as doce do mediodía ata a medianoite, cun programa que inclúe actuacións de bandas de gaitas e agrupacións tradicionais, concertos de grupos destacados como os escoceses Tanahill Weavers, a gran orquestra galega Sondeseu e a banda emerxente Alana. Tamén se ofrecerá un percorrido pola artesanía galega, coa presenza de dezaoito artesáns, entre eles os oleiros de cerámica negra de Gundivós, e postos de gastronomía popular con polbo, churrasco e outras propostas.
A concelleira de Turismo subliñou a calidade dos grupos participantes e a importancia da colaboración da veciñanza, que apoia activamente o festival organizado polo Concello de Arteixo.
O Festival Folk de Sisalde será unha xornada ateigada de música tradicional, cultura popular e natureza, converténdose nunha cita de referencia do verán en Arteixo.