Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto
Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto

Inicio > O Consorcio Provincial de bombeiros aproba en pleno o traslado do parque de Arteixo a unha nova instalación no polígono de Morás

PUBLICACIÓN

O Consorcio Provincial de bombeiros aproba en pleno o traslado do parque de Arteixo a unha nova instalación no polígono de Morás

22 Nov, 2024 | NOTICIAS

O pleno do Consorcio Provincial de bombeiros, responsable dos parques de bombeiros da provincia, aprobou hoxe o convenio co concello de Arteixo que recolle o traslado do parque de bombeiros comarcal a unhas novas instalacións no polígono de Morás como propoñía o alcalde de Arteixo Carlos Calvelo, co obxectivo de solucionar as graves carencias estruturais que sofre o parque actualmente.

O concello de Arteixo aprobara en agosto o mesmo convenio, que posibilitará a construción dun novo parque de bombeiros comarcal que solucionará as graves carencias estruturais das actuais instalacións, que xa non cumpren cos requisitos necesarios para que os bombeiros poidan realizar o seu traballo.

O concello levaba meses reclamando o desbloqueo da situación ao Consorcio que preside Valentín González. O concello de Arteixo xa asinara en maio o contrato de redacción do proxecto de execución do novo parque de bombeiros. O concello xa redactara anteriormente un anteproxecto no que se debuxaban as liñas principais do novo parque que se situará nunha parcela de propiedade municipal do polígono de Morás de 4.000 m² que o concello cederá para tal efecto. O citado anteproxecto foi examinado polos técnicos do Consorcio de Bombeiros que deron o seu beneplácito e agora só falta a firma no convenio de traslado, que inclúe o anteproxecto, do presidente do Consorcio de Bombeiros, Valentín González, cargo que detenta debido á súa condición de presidente da Deputación da Coruña.

O concello de Arteixo continúa así cos trámites necesarios para trasladar as instalacións que alberga a parcela de obras municipal, que ten nos seus terreos a maquinaria e as oficinas de obras, a maquinaria do sistema municipal de recollida de residuos (camións e outros vehículos auxiliares), a maquinaria do sistema público de limpeza municipal, o depósito de coches do guindastre municipal, as instalacións de Protección Civil de Arteixo e as instalacións do parque comarcal de bombeiros.

O aumento dos servizos municipais de Arteixo (sistema público de recollida de residuos e de limpeza viaria, principalmente) deixaron totalmente obsoletas unhas instalacións que carecen de naves suficientes para gardar todos os vehículos que teñen alí o seu central de operacións. O propio parque de bombeiros hai anos que quedou tamén obsoleto en canto a accesibilidade, sistemas eléctricos e outro tipo de carencias estruturais.

Debido a esta situación e co obxecto de financiar a construción de novas instalacións para todos estes servizos públicos, o concello de Arteixo poxou en concurso público entre os anos 2022 e 2023 a citada parcela, que foi adquirida por Inditex por 5.082.000 euros, diñeiro que servirá para mellorar todas as instalacións públicas arriba citadas, incluíndo tamén o novo parque de Bombeiros, que ademais estará nunha parcela (polígono de Morás), que permitirá gañar tempo de reacción aos bombeiros ante posibles emerxencias debido aos seus mellores accesos á autovía A-6.

Ir al contenido