O concello de Arteixo acaba de sacar a licitación por 254.000 euros ao ano a organización das Escolas Deportivas Municipais, para levar a actividade física e o deporte a todos os sectores da poboación.
Nestas escolas máis de mil persoas en máis de 70 grupos de actividades desenvolven as diferentes especialidades deportivas. Estas escolas enmárcanse dentro do ámbito do deporte para todos, e lévanse a cabo básicamente en instalacións deportivas municipais e centros municipais asociados ou instalacións deportivas dos centros de ensino.
Inclúese no contrato ademais da impartición de escolas deportivas municipais as seguintes obrigacións que complementan e melloran o servizo como a Organización do Día do Deporte na Rúa, consistente nunha xornada de clausura a finais de xuño da actividade das escolas deportivas municipais.
O contrato tamén inclúe o Servizo de valoración da condición física saudable e asesoramento personalizado. A duración deste programa individualizado é de nove meses anuais en total, cunha dedicación de 4 horas semanais e ten como obxectivos principais valorar a condición física para a saúde dos asistentes, e asegurar, a través da programación de actividades físicas complementarias, que os asistentes incrementen a cantidade diaria de actividade física de calidade, cumprindo así os obxectivos mínimos propostos pola OMS, a UE e os gobernos do Estado e galego. Este servizo individualizado dispón dunhas setenta prazas.