O Concello de Arteixo continúa avanzando na mellora do transporte público local cunha nova actuación na liña de autobús MEICENDE – SABÓN,
especialmente pensada para facilitar o acceso ás praias durante a tempada de verán.
Ata o de agora, esta liña unicamente daba servizo directo á zona de Vilarrodís, o que deixaba aos veciños de Oseiro sen unha conexión directa coa
costa.
Coa modificación que se aplicará coincidindo co inicio da tempada de praias, o próximo 20 de xuño, e que se manterá activa ata o 8 de setembro, incorpóranse tres novas paradas: Pastoriza, Solimar e Oseiro, ampliando notablemente a cobertura desta liña.
O servizo funcionará todos os días da semana, de luns a domingo, permitindo aos usuarios gozar dunha conexión directa, cómoda e regular
coas praias do municipio durante todo o verán.
O Concello optou por unha reorganización en formato circular, de modo que os horarios repartiranse equitativamente entre as zonas beneficiadas.
Isto permitirá aos usuarios de todas as parroquias incluídas dispoñer dun servizo eficiente e adaptado ás súas necesidades.
Con esta medida, o Concello de Arteixo reafirma o seu compromiso coa mellora continua da mobilidade e coa calidade de vida dos seus veciños, facilitando o acceso ao lecer e á contorna natural durante os meses estivais.
Para máis información sobre os horarios e percorridos actualizados, os cidadáns poden dirixirse ás canles oficiais do Concello de Arteixo ou
Arriva