O concello de Arteixo acaba de contratar os proxectos necesarios para crear unha nova senda peonil de 1.500 metros de lonxitude que conectará a zona de Candame e a de Baer.
A construción da senda a través das rúas Camiño de Suso, Camiño do Cepo e o núcleo de Baer suporá tamén a ampliación desas vías a un ancho de doce metros así como a renovación de iluminación, saneamento e abastecemento.
O primeiro paso, unha vez redactado o proxecto, será o inicio dun expediente de expropiación para a consecución dos terreos necesarios para ampliar a vía a doce metros e a creación da senda peonil. As sendas construiranse en aglomerado nas partes que non haxa vivendas e de baldosa nas partes máis urbanas destas zonas que teñen vivendas. As novas vías mellorarán e adecuarán a seguridade viaria dos núcleos que travesa, e mellorará a comunicación entre a poboación residente neses núcleos. Implementaranse as canalizacións de servizos necesarias e eliminaranse postes de formigón e o consecuente cableado aéreo para soterralo, o que provocará visualmente unha mellora considerable do núcleo. Tamén se renovará a iluminación, provocando un aforro enerxético, económico.
Na mesma zona de actuación, outro itinerario peonil cuxa construción xa finalizou está situado na rúa Torrente Ballester, que comunica a zona da
Catuxa co núcleo urbano, e que foi dotado dunha beirarrúa na súa totalidade e cuxa calzada foi ampliada. O obxectivo desta actuación foi facilitar o tránsito peonil e de vehículos nun vial que tamén carecía dun itinerario peonil en boa parte do seu trazado.