A empresa pública SUMARTE cambia os seus estatutos para converter en público o servizo de limpeza viaria de Arteixo. Ata o de agora este servizo prestábae a través de empresas privadas con contratos coa administración.
A municipalización do servizo chega despois dunha proposta do alcalde, Carlos Calvelo, na Xunta Xerall de SUMARTE, órgano de goberno da entidade na que están presentes os 21 concelleiros de todos os partidos con representación no concello. A proposta votouse de forma unánime.
O cambio nos estatutos da empresa pública para asumir este servizo é o primeiro trámite necesario para a súa municipalización. O obxectivo do concello é que o próximo 1 de xaneiro o servizo sexa de xestión pública directa.
Arteixo xa municipalizou os servizos de abastecemento e saneamento así como a recollida de lixo sendo o único concello galego en implementar a recollida directa de lixo en cinco fraccións diferenciadas cun sistema de contedores único na comunidade autónoma.
No caso da limpeza viaria os obxectivos xerais son, igual que nos casos anteriores, mellorar nos campos tecnolóxico, ambiental e organizativo nun servizo esencial dentro do concello,
O executivo local considera que a limpeza viaria é unha das razóns históricas da existencia dos concellos, de ahí que, co alcalde á cabeza, Arteixo municipalice este servizo esencial.