O concello abre esta tarde, ás 16h, o novo centro social do barrio de Sol e Mar, situado no mesmo espazo que ocupaba anteriormente pero que foi obxecto dunha modernización e reforma.
Os traballos permitiron ampliar as salas dedicadas ás actividades dos veciños que agora dispoñen dunha superficie de 300 metros cadrados, onde se sitúan as salas de actividades, a zona de aseos, unha oficina e un almacén. Ademais, as obras inclúen a renovación da fachada exterior, de tal modo que se ampliarán as xanelas e accederá máis luz ao interior.
A obra desenvolveuse nos locais xa existentes que ocupaba o vello centro social. Noutro local anexo ao centro social que comprou o concello habilitarase agora o espazo para a nova biblioteca municipal, que así tamén verá ampliada as súas instalacións que antes tiña que compartir co espazo dedicado a centro social. Agora a biblioteca e o centro social terán locais separados.
Para evitar a paralización da actividade da biblioteca, a instalación trasladouse hai meses para un terceiro local de 150 m² que está enfronte ao centro social e que tamén comprou o concello. Cando acaben os traballos, este último espazo quedará ao dispor da asociación de veciños, que así terán un espazo para realizar as súas actividades.