O proxecto, impulsado polo concello de Arteixo e financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura e a Consellería do mar, a
través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur, ten por principal obxectivo a recuperación e posta en valor do patrimonio cultural, material e inmaterial pesqueiro do litoral.
«Mar de Sorrizo» é unha iniciativa orientada á recuperación e posta en valor do patrimonio cultural, material e inmaterial pesqueiro e do litoral do
Concello de Arteixo.
O proxecto promove a difusión e posta en valor do patrimonio ligado ao mar a través de diferentes accións de dinamización. Ademais, co obxectivo de
divulgar e poñer en valor espazos singulares existentes no territorio, esta proposta apóiase no aproveitamento do Museo Mar de Sorrizo, un espazo
habilitado para a creación dun futuro centro de interpretación, dando os primeiros pasos deste obxectivo a través do desenvolvemento do presente proxecto.
A citada nave, recentemente restaurada, está situada nun enclave referente da actividade mariñeira do pasado, na parroquia arteixá de Sorrizo. Este espazo e a súa contorna serán o eixo central da execución do proxecto, a través de diferentes accións con fin de transmitir os valores, tradicións e oficios (con especial atención a aqueles desenvolvidos por mulleres, para unha maior sensibilización en materia de igualdade) e, ao tempo, poñer tamén en valor os recursos naturais pesqueiros.
O proxecto, a executar en tres anualidades, 20024, 2025 e 2026, inclúe actuacións como a implementación dunha exposición de vinilos de gran tamaño que amose a vinculación de Arteixo co mar, o deseño e guiado de dúas rutas tematizadas para facer a pé ao tempo que se dá a coñecer o patrimonio mariñeiro, a realización de obradoiros, un certame de pintura e, finalmente, unha xornada sobre naufraxios, xeoloxía e patrimonio. Ademais, para a mellor execución destas actividades principais, deseñarase unha imaxe do proxecto, xerarase contido de texto, fotografía e vídeo, elaboraranse contidos para as redes sociais do concello, elaborarase material didáctico de apoio ás actividades e, tamén, farase unha campaña de difusión das actividades do proxecto mediante a instalación de paneis en exteriores.