O Concello de Arteixo aposta por transformar a súa costa nun espazo de aprendizaxe vivo. A través do proxecto Mar de Sorrizo: dinamización do patrimonio cultural pesqueiro e marítimo de Arteixo, financiado polo GALP Golfo Ártabro Sur mediante fondos FEMPA, o municipio ofrece durante os meses de agosto e setembro un ciclo de dez obradoiros que combinan educación ambiental, participación cidadá e posta en valor do patrimonio litoral.
O programa estrutúrase en dúas fases: unha dirixida a campamentos municipais infantís e outra aberta ao público xeral, tendo como epicentro o Museo do Mar de Sorrizo.
Obradoiros para campamentos: os máis pequenos como exploradores do mar
A primeira parte da programación está destinada a nenos e nenas participantes nos campamentos municipais de verán, cun formato adaptado, vivencial e participativo. Inclúe:
-
🗓 Martes 5 de agosto – “Exploradores do lixo: misión praia limpa!”
📍 Praia do Reiro
A rapazada do campamento educativo converterase en detectives ambientais para identificar lixo mariño, comprender a súa orixe e reflexionar sobre o coidado do litoral. -
🗓 Mércores 6, 13, 20 e 27 de agosto – “O mar onde surfeas”
📍 Contorna mariña de Sabón
Dirixido ao campamento de surf de Arteixo, este ciclo de obradoiros achega o ecosistema costeiro aos máis novos: funcionamento do océano, fauna mariña, zonas intermareais e dunares. Unha invitación a mirar o mar con outros ollos antes de subirse á táboa.
Obradoiros abertos ao público: unha invitación a coñecer, coidar e crear
A partir do 23 de agosto, a programación continúa cun bloque de actividades gratuítas e abertas ao público xeral. Están pensadas para persoas curiosas, profesionais do turismo, estudantes, educadores ou cidadáns con interese polo medio mariño. As propostas son as seguintes:
-
🗓 Sábado 23 de agosto | 11.00 – 13.30 h
📍 Museo do Mar de Sorrizo
“Do colector ao océano: descifrando o camiño do lixo”
Obradoiro práctico con saída á praia para aprender a detectar e analizar os residuos mariños. Recomendado a partir de 12 anos. -
🗓 Venres 29 de agosto | 17.00 – 19.30 h
📍 Museo do Mar de Sorrizo
“Do lixo ao arte: crea co que o mar devolve”
Taller creativo para transformar refugallos en mensaxes artísticas. Sen necesidade de experiencia previa. A partir de 12 anos. -
🗓 Mércores 3 de setembro | 17.00 – 19.00 h
📍 Museo do Mar de Sorrizo
“A ameaza silenciosa: especies invasoras na nosa costa”
Actividade divulgativa sobre especies exóticas que ameazan os ecosistemas mariños. A partir de 14 anos. -
🗓 Venres 5 de setembro | 17.00 – 19.30 h
📍 Museo do Mar de Sorrizo
“Interpretando o litoral de Arteixo”
Obradoiro formativo para aprender a comunicar o valor do litoral. Pensado para persoas vinculadas ao turismo, á educación ou á divulgación ambiental. A partir de 16 anos. -
🗓 Venres 12 de setembro | 17.00 – 19.00 h
📍 Museo do Mar de Sorrizo
“Experiencias que coidan do territorio”
Taller para deseñar propostas ecoturísticas sostibles e con impacto positivo. A partir de 16 anos.
Inscricións e máis información
A participación nos obradoiros abertos ao público é gratuíta, pero as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web mardesorrizo.arteixo.org. O programa completo tamén está dispoñible na web municipal e nas redes sociais do Concello de Arteixo.
Un proxecto para activar o coñecemento e o compromiso co mar
Todas as actividades desenvolveranse no Museo do Mar de Sorrizo ou na súa contorna, consolidando este espazo como un punto de referencia para a dinamización ambiental e cultural do municipio.
Con esta iniciativa, o Concello de Arteixo convida á cidadanía a redescubrir —e coidar— o seu litoral a través de dinámicas participativas, roteiros interpretativos e espazos creativos. Mar de Sorrizo promove unha relación máis consciente co mar, conectando tradición e innovación, coñecemento e acción.
O proxecto está financiado ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativas aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021–2027.