O Concello de Arteixo acolle os próximos 23 e 24 de abril as dúas primeiras probas do Campionato de España de Trial 2022.
Trátase dunha proba que organiza o Club MotoMontañismo Arteixo en colaboración coa Real Federación Motociclista Española, a Federación Galega de Motociclismo e o Concello de Arteixo.
A organización prevé a asistenciade preto de 200 pilotos, entre os que se atopan algúns dos máis importantes deste deporte, tanto a nivel nacional como internacional. Está confirmada a presenza de Adam Raga, 6 veces Campión do Mundo e 7 veces Campión de España, así como doutros pilotos de gran proxección como Jaime Busto, actual Campión de España e os galegos Jorge Casais e Gabriel Marcelli.
Cada unha das probas consistirá na realización de 2 voltas a un circuíto que arrinca no Campo da Festa de Arteixo e discorre neutralizado polo paseo fluvial ata a Ponte de Loureda, onde os pilotos accederán ás zonas distribuídas polos montes da Penouqueira para posteriormente regresar ao Campo da Festa onde se sitúan dúas zonas “ indoor”. A 1ª proba dará comezo o sábado ás 10:00 e finalizará ás 18:00 h, e a 2ª proba, que será o domingo, iniciarase ás 8:00h e rematará ás 17:00h. As probas serán abertas ao público, aínda que, na zona do Campo da Festa o aforo será controlado por persoal de seguridade e estará limitado a 1.000 afeccionados.