O concello de Arteixo publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia o primeiro expediente de investigación dirixido a dirimir se unha serie de terreos privados deben volver ser de titularidade pública.
O primeiro expediente publicado hoxe afecta a tres terreos que suman preto de 45.000 m² sobre os que se asenta en parte a denominada canteira de Barrañán.
Outro expediente de investigación que se publicará no BOP proximamente afecta a unha parcela de preto de 154.000 m² situada nas proximidades de Monticaño (Pastoriza). Estes terreos figuran como de titularidade privada desde hai décadas. O concello apóiase na potestade de investigación que a normativa do réxime local confire aos municipios no que se refire á recuperación de oficio dos seus bens en calquera momento da historia mentres se poida acreditar que se trata de dominio público.
A normativa esixe un estudo previo sobre a procedencia desta acción investigadora e só se está conclúe que os bens son públicos elevarase unha proposta ao pleno municipal para que os volva a designar como bens públicos. Tras a publicación no BOP haberá unha exposición pública durante quince días e admitiranse alegacións por parte dos afectados durante o prazo dun mes. Posteriormente abrirase un período de probas e, tras poñer de manifesto o expediente completo a todos aqueles que comparecesen no expediente, resolverase o citado expediente.
Se a resolución non é favorable, o ben seguirá sendo titular do seu propietario actual, pero se a resolución é favorable procederase á inclusión do ben no inventario de bens municipais e á adopción de medidas tendentes a facer efectivos os dereitos do concello. Neste tipo de procedementos ten moita importancia a actividade probatoria, na que teñen un peso notable a planimetría histórica e a documentación obrante no Arquivo do Reino de Galicia.
O concello dará traslado aos afectados e á Administración Estatal e Autonómica destes expedientes de investigación.

