A Xunta de Galicia continúa coa aposta pola mellora das infraestruturas educativas no Concello de Arteixo que se materializará coa construción dun novo CEIP así como coa ampliación do IES de Pastoriza.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reafirmou o compromiso do Goberno galego con este concello no que atinxe aos servizos educativos nunha xuntanza de traballo mantida co alcalde da localidade, Carlos Calvelo, no decurso da cal ambos mandatarios analizaron polo miúdo os proxectos previstos.
Román Rodríguez subliñou que a construción dun novo CEIP é un compromiso “firme” tal como queda reflectido nos Orzamentos da Xunta para este ano, cunha partida inicial de 50.000 euros para a redacción do proxecto sobre un investimento estimado de máis de 4M€, que arrancará unha vez que o concello remate os trámites pertinentes para a posta a disposición os terreos.
Así mesmo, o conselleiro avanzoulle ao alcalde a futura ampliación do IES de Pastoriza, cun investimento aproximado de 400.000 euros. A proposta recollida nos plans da Consellería é habilitar cinco novas aulas destinadas ás ensinanzas de Bacharelato, unha etapa da que o centro carece nestes momentos.
Segundo Román Rodríguez, esta folla de ruta para o Concello de Arteixo implica, por unha banda unha ampliación das infraestruturas a través dun novo centro de infantil e primaria, unha mellora das infraestruturas xa existentes, como é a ampliación do instituto de Pastoriza, e unha ampliación da oferta educativa, xa que se crean novas aulas para atender a demanda de prazas de bacharelato nun dos concellos de Galicia máis dinámicos desde a perspectiva demográfica.