Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto
Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto

Inicio > A mesa municipal do absentismo escolar detecta dezanove casos no curso 22-23

/ A mesa municipal do absentismo escolar detecta dezanove casos no curso 22-23

O concello de Arteixo atendeu durante o curso educativo 2022-2023 19 casos de absentismo escolar nos diferentes centros educativos. Son datos da mesa municipal de seguimento de absentismo escolar, onde periodicamente se analizan os casos máis problemáticos daqueles alumnos que faltan reiteradamente a clase. A mesa de absentismo está composta por representantes do concello, forzas de seguridade e dos centros educativos.

Os criterios para considerar a un menor absentista son cinco días ao mes de ausencia sen xustificación, quince faltas xustificadas ao trimestre, mentres que tres faltas de puntualidade equivalen a unha ausencia sen xustificación.

Arteixo ten actualmente 3979 escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.

A preocupación das autoridades municipais polo tema do absentismo débese a datos que sinalan que esta problemática comeza a producirse a partir dos sete anos. O programa sobre o absentismo que impulsa a concellería de Servizos Sociais que dirixe Inés Ramos está composto de sesións de reforzo educativo para aqueles alumnos con problemas nos diferentes centros sociais do concello –estes reforzos educativos inclúen talleres, obradoiros e clases-, e reunións cos proxenitores dos alumnos absentistas, co obxectivo de que as familias teñan apoio profesional para tratar o problema.

O protocolo elaborado polo concello en colaboración cos representantes dos centros educativos sinala que a actuación comeza coa detección dun caso de reiterado absentismo escolar por parte do centro escolar. O centro comunícao aos servizos sociais do concello, que procede a citar aos pais coa educadora familiar. Se os pais asisten á cita, realízase unha entrevista con eles e, posteriormente, outra entrevista co menor. A partir destas dúas entrevistas realizarase un diagnóstico da situación familiar en coordinación co centro educativo, e valoraranse as posibles intervencións que se poidan realizar. Outro camiño seguirase se os pais non acoden á primeira citación coa educadora familiar. Tras dúas citacións erradas cos servizos sociais do concello, a terceira citación realizaríase a través da policía local.

A Mesa Municipal de Absentismo Escolar está composta polas AMPAS, representación dos centros escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do concello, garda civil, policia local, representación dos centros de saúde do Concello, e responsables de Servizos Sociais, Educación e Seguridade de Arteixo. Na reunión celebrada esta semana presentouse o informe da situación actual de absentismo escolar no concello e as medidas que se están tomando para abordar a situación, asi como a valoración e proposta de novas medidas que poidan servir de mellora a situación e a casuística actual. Ademais da intervención familiar realizada con cada unha das familias e nenos e nenas de maneira individual impleméntanse accións de apoio continuado como reunións periódicas cos equipos de cada centro escolar, obradoiros de reforzo socio-educativo e accións de prevención nos centros escolares.

Ir al contenido