O Concello deu un paso decisivo na súa estratexia de sostibilidade urbana coa súa integración no proxecto PARKS (Participatory Actions for Resilient and Knowledgeable Stewardship), financiado polo programa europeo URBACT IV. Esta iniciativa ten como obxectivo principal a transferencia de boas prácticas na xestión do patrimonio verde a través da participación activa da cidadanía e a colaboración entre cidades europeas.
A andaina comezou os pasados 10 e 11 de febreiro en Perugia (Italia), cidade líder do proxecto, onde o Coordinador General de Planificación Estratéxica, Víctor Ramos, e o Xefe de Área de Urbanismo e Medioambiente, Pablo Martín Fernández, representaron a Arteixo. Nesta reunión de lanzamento, coordináronse as liñas de traballo con outras cidades socias como Veszprém (Hungría), Valongo (Portugal), Monaghan (Irlanda), Sofía (Bulgaria) e Chernivtsi (Ucraína).
Posteriormente, os días 19 e 20 de febreiro, Arteixo recibiu a visita institucional de Francesca Cruciani, representante de Perugia, e de Martin Neubert, experto técnico da Secretaría Técnica da Comisión Europea. Durante estas xornadas, os expertos coñeceron de primeira man a realidade do noso municipio, visitando puntos clave como o litoral e o ámbito rural para analizar a infraestrutura verde e a resiliencia ambiental.
A axenda de traballo incluíu reunións técnicas no Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e no Centro Tecnolóxico de Arteixo, onde se contou coa participación do equipo técnico municipal (ULG), representantes da Reserva da Biosfera, a Fundación RIA, o Centro Comercial Aberto (CCA) e a Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón (AEPI). A visita concluíu cun encontro coa Autoridade Portuaria de A Coruña para intercambiar experiencias sobre gobernanza e adaptación ao cambio climático.
O proxecto PARKS conta cun orzamento total de 660.000 euros, dos cales 85.000 euros están destinados especificamente a Arteixo para o desenvolvemento do seu Plan de Acción Local, reforzando o compromiso deste goberno cun modelo de vila máis verde, participativo e sostible.

