O Museo do Mar de Sorrizo será, entre o 3 e o 15 de outubro, o escenario da exposición itinerante “Golfiños na proa”, promovida pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

A mostra achega, dun xeito didáctico e en diferentes niveis de comprensión, o fascinante mundo dos cetáceos e outras especies mariñas ameazadas, como lobos mariños e tartarugas.

A exposición componse de paneis autoportantes, catro paneis específicos sobre o son no mar e a acústica dos golfiños e vitrinas con cranios, dentes, barbas e ósos de distintas especies, entre eles un cranio e vértebras de balea.

Ademais, o público poderá participar en visitas guiadas, que ofrecen unha breve introdución ao mundo da fauna mariña e permiten mergullarse nos segredos destes animais.

“Golfiños na proa” é un proxecto itinerante, versátil e lixeiro, deseñado para chegar a institucións, colectivos, centros educativos e asociacións, co obxectivo de fomentar o coñecemento e a sensibilización sobre a conservación da vida mariña.

Ir al contenido