Dentro do acordo plenario aprobado o ano pasado, que contemplaba o desenvolvemento por parte do concello de varias unidades de actuación urbanística no municipio, o concello de Arteixo iniciou a fase de contratación dunha unidade de actuación urbanística en Meicende que está comprendida entre as rúas Oviedo, Laracha e a praza da Constitución.
Supoñerá unha urbanización de varias rúas no centro de Meicende, nun espazo situado entre a travesía de Meicende e o campo de fútbol. O ámbito de actuación ocupa ao redor de 7.000 metros cadrados.
Está prevista a apertura dunha rúa de 18 metros de ancho, onde se habilitará unha pequena praza.
O investimento previsto polo goberno local é de 250.000 euros. O vial deseñado na urbanización permitirá desconxestionar os problemas de tránsito que se xeran nesa rúas, onde aparcan moitos dos visitantes do campo de fútbol anexo. Ao mesmo tempo habilitaranse zonas de estacionamento, crearanse novas zonas verdes ademais de ampliar as existentes.
Esta obra tamén permitirá mellorar a accesibilidade á praza a Constitución e ás rúas Oviedo e Laracha, ademais de prolongar as infraestruturas necesarias de telecomunicacións, abastecemento, saneamento e iluminación.
O proxecto ten como obxectivo aliviar unha parte do tráfico que soporta o centro urbano de Meicende e dar máis opcións aos condutores á hora de trasladarse nas rúas interiores de Meicende. Esta nova rúa tamén servirá para humanizar un trazado que actualmente carece de beirarrúas e prazas de aparcamento organizado.