O concello de Arteixo presenta a imaxe gráfica creada para o museo Mar de Sorrizo, actuación enmarcada dentro do proxecto “Mar de Sorrizo”, impulsado polo concello de Arteixo e financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura e a Consellería do mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur.
Inaugurado no mes de xuño deste ano, o Museo do Mar de Sorrizo, ao carón do mar Atlántico, foi construído sobre unha antiga nave abandonada co obxectivo de proporcionar o concello un lugar polivalente, onde ademais de ofrecer información permanente sobre a historia do mar desta parte do Atlántico actúe como espazo común onde acoller á veciñanza e ofrecer distintas actividades, exposicións temporais, charlas, obradoiros, etc.
Nos seus máis de 300 metros, dispón de varias zonas diferenciadas e adaptables as necesidades futuras do concello, cunha localización que permite admirar toda a inmensidade do océano a través de grandes ventanais e mesmo un espazo exterior que conecta cunha senda litoral de máis de seis quilómetros.
Deseñar unha imaxe gráfica propia presentábase como esencial á hora de comezar a traballar nas distintas actuacións incluídas dentro do proxecto “Mar de Sorrizo”, decidindo optar por liñas sinxelas e que dunha soa ollada permitise identificar o Museo, coa forma característica do edificio.
O proxecto “Mar de Sorrizo: dinamización do patrimonio cultural pesqueiro e marítimo de Arteixo”, promovido polo concello de Arteixo, está financiado grazas ás axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativas aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.