O concello recibe oito propostas para o concurso de ideas que convocou hai meses para reformar a travesía de Arteixo, unha das arterias principais que conecta a rotonda de Sabón coa zona de Candame no cruzamento coa AC-552.
A travesía será transformada cun proxecto de humanización e o concello decidiu que sexa mediante un concurso de ideas, no que se premiarán para os proxectos seccionados e contratarase ao gañador o proxecto de execución. Agora o concello ten que decidir os premios a través da decisión dun xurado formado polos funcionarios de máis alto nivel de Obras e Urbanismo, e representantes dos colexios profesionais de Enxeñeiros e Arquitectos.
O primeiro premio do concurso de ideas está dotado con 40.000 euros, o segundo recibirá 20.000 e o terceiro logrará 15.000, mentres que os autores dos tres accésit serán recoñecidos con 5.000 euros. Así mesmo, as bases fixan uns honorarios de redacción de proxecto básico de 30.000 euros, a mesma cantidade que para o de execución. Tamén, determina que pola dirección facultativa completa abonarán 100.000 euros. O importe do premio en metálico percibido polo gañador terá a condición de abono á conta dos honorarios de redacción do devandito proxecto, sempre que lle sexa adxudicada a súa redacción.
O concello pretende conseguir, con esta iniciativa, propostas novas e alcanzar a mellor proposición técnica posible, fomentando a participación de profesionais que acheguen solucións innovadoras adecuadas aos criterios indicados na Axenda 2030.
Ao equipo autor do primeiro premio poderáselle adxudicar ulteriormente o correspondente contrato de servizos de redacción do proxecto básico e de execución segundo o indicado no prego. O goberno local busca a transformación de está vía, xa que é unha das arterias principais que atravesa e vertebra o núcleo urbano, actuando o seu trazado de límite lineal do núcleo principal. Na travesía de Arteixo sitúanse equipamentos importantes, desde a casa do concello o centro social da Baiuca, o Rexistro da propiedade ou o centro de saúde. Ademais, ao ser unha vía arterial, é atravesada por outras que comunican coa avenida Finisterre e coas do núcleo que forma a rede urbana interior, na súa parte máis plana e xa preto dos ríos, as que conectan co Parque Central de Arteixo e o paseo fluvial. Nas bases do concurso de ideas sinálase como elementos a ter en conta o cruzamento dos ríos baixo este viario e a existencia de paseos peonís na súa contorna como elementos transversais relevantes na contorna natural.
A travesía de Arteixo ten unha lonxitude de 3,3 quilómetros, e a proposta pasará por transformar esta rúa nun eixo continuo, vertebrador, humanizado, permeable, accesible e amable tanto para os máis de 2.600 residentes na súa contorna como para o resto de usuarios. O que busca o concurso, segundo explican desde o Concello, é transformar a contorna urbana da travesía de Arteixo, adecuándoo aos criterios promovidos no marco europeo para as cidades sostibles indicados na Carta de Leipzig sobre Cidades Europeas Sostibles, coa creación de espazos públicos de alta calidade e deseñados para a mellora das condicións de vida da poboación urbana.