O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinou hoxe en Madrid co secretario xeral de Axenda Urbana e Movilidad, Juan Ignacio Carniceiro, un protocolo de colaboración que recoñece a Arteixo como un referente en España en temas de economía circular, mobilidade e innovación e intégrao nunha rede de municipios, deputacións e universidades que destacan polas súas proxección nos temas relacionados coa sustentabilidade.
O plan de acción que ten Arteixo en temas relacionados coa Axenda Urbana 2030 pasa a ser designado así como “boa práctica e experiencia transferible que pode orientar a outros municipios” na Axenda Urbana 2030 de España, nomeamento que lle dá acceso a foros de colaboración con outras institucións nacionais e europeas.
Así, o protocolo de colaboración asinado onte polo alcalde explica que “é obxecto do presente Protocolo de Actuación, dotar de formalidade á colaboración entre a Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda e o Concello de Arteixo, así como expresar a vontade da Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda de tomar en consideración o Plan de Acción do Municipio de Arteixo, como proxecto piloto da Axenda Urbana Española como boa prática e experiencia transferible que pode orientar a outros municipios na elaboración dos seus respectivos plans de acción.
O protocolo asinado tamén sinala que “o Concello de Arteixo comparte os obxectivos e finalidades propostos na Axenda Urbana e no resto de Acordos Internacionais que a preceden e está interesado na súa implementación. A tales efectos, decidiu de maneira voluntaria e no ámbito das súas propias competencias, elaborar para o seu municipio un Plan de acción da Axenda Urbana que, tendo como base os obxectivos definidos no seu marco estratéxico, que responda á consecución daqueles cunha visión, coherente e integrada e que responda á metodoloxía proposta pola propia Axenda Urbana 2030”.
O alcalde de Arteixo sinalou tras a firma que “este tipo de recoñecementos comunícannos que os nosos esforzos en temas como a mobilidade, coa posta en marcha dunha rede de transporte público municipal; a economía circular, coa municipalización e modernización da recollida de residuos, e, en xeral, con temas relacionados coa innovación, empezan a dar os seus froitos”.