O pleno de maio abordará un suplemento de crédito de 5,5 millóns de euros que ten como obxectivo reforzar presupostariamente varios departamentos municipais e acometer novos equipamentos e reforzar os xa en vigor.
426.000 euros servirán para contratar máis horas no actual servizo de axuda no fogar a dependentes que actualmente atende a 228 persoas. O servizo de comedor a domicilio chega a 59 usuarios.
O Concello tamén aposta pola adquisición de terreos para novos equipamentos públicos polo que reserva para esta fin 500.000€ que servirán para converter en públicos a fraga de Suevos e o terreo adxacente do centro social de Rorís onde se instalará unha nova zona de ocio con equipamentos infantís e biosaudables. Nesa liña usaranse tamén os 594.000€ destinados á construcción dunha nova zona de ocio en Chamín, en Piñeiro.
O modificado que se pretende aprobar tamén atenderá a melloras en centros educativos. Haberá unha partida para a ampliación e reforma do patio da escola de Barrionovo. Resérvanse tamén 179.000€ á mellora da iluminación do campo de fútbol de adestramento das categorías inferiores do Atlético de Arteixo.
As previsións de partidas tamén reservan unha partida para o proxecto de cubrición do parque infantil situado a carón do centro cívico de Arteixo e que terá un coste cercano aos 300.000€ dos que 233.000 saen deste modificado. Haberá tamén 303.000€ para o acondicionamento da zona deportiva da Urbanización Montegolf. O Concello chegou a un acordo coa empresa Riofisa, propietaria, que nunca chegara a abrir este complexo deportivo que conta cunha piscina exterior e varias pistas de deporte. Agora será unha instalación pública.
O modificado de crédito inclúe outras partidas destinadas á redacción de proxectos ou ao abono de direccións de obras de estas e outras infraestructuras futuras así como ao reforzo de infraestructuras básicas como a construcción dun novo depósito de auga na zona de Lañas.
Pódense consultar aquí todas as inversións previstas