Filtro xeral
Filtro xeral

 

 

Inicio > Nova edición de obradoiros ambientais gratuítos centrados na conservación do litoral

/ Nova edición de obradoiros ambientais gratuítos centrados na conservación do litoral

O Museo do Mar de Sorrizo pon en marcha un amplo programa de obradoiros ambientais prácticos e participativos destinados a poñer en valor a riqueza natural da costa e concienciar sobre os seus principais retos de conservación. As actividades, que se desenvolverán entre os meses de xuño e xullo, combinan sesións teóricas nas instalacións do museo con saídas prácticas sobre o terreo e dinámicas de acción directa en espazos como as praias de Sorrizo e Repibelo.

A programación arrancará o mércores 3 de xuño co obradoiro «As invasoras do litoral», unha xornada enfocada en identificar as especies exóticas animais e vexetais que ameazan o ecosistema costeiro galego. O luns 8 de xuño, coincidindo co Día Mundial dos Océanos, celebrarase a sesión «Historias mariñeiras», pensada para achegarse aos valores ambientais e patrimoniais da costa como recurso para a educación ambiental ou o turismo interpretativo. O sábado 20 de xuño e o martes 14 de xullo o protagonismo será para a problemática dos residuos co «Obradoiro de lixo mariño», que se desenvolverá en Sorrizo e na praia de Repibelo respectivamente, incluíndo recollidas e clasificación de plásticos e refugallos reais sobre o areal. Finalmente, o domingo 12 de xullo terá lugar a xornada «Mergúllate no mundo dos mamíferos mariños I», onde os asistentes aprenderán a recoñecer especies do noso litoral e coñecerán o protocolo de actuación ante varamentos en colaboración coa Rede de Varamentos de Galicia.

Todas as actividades están deseñadas tanto para perfís profesionais do sector (xardinaría, turismo, educación, obras públicas) como para calquera cidadán interesado en protexer a súa contorna natural. As prazas son limitadas e requiren inscrición previa a través dos canles habituais do departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo.