O departamento de Servizos Sociais celebra o Samaín cun completo programa de actividades para a rapazada e familias que encherán de sustos, risas e doces os diferentes centros sociais do municipio.
Durante toda a semana organizaranse obradoiros de manualidades “Cestiño monstruoso”, nos que os máis pequenos poderán crear e decorar a súa propia casa encantada con materiais reciclados e detalles terroríficos. Estes obradoiros desenvolveranse entre o 24 e o 31 de outubro en distintos centros sociais: Larín, Monteagudo, Pastoriza, Vilarrodís, Meicende e Oseiro.
O xoves 31 de outubro, a programación intensifícase coa celebración do “Truco ou Trato” polos comercios locais de Arteixo centro, Meicende e Vilarrodís. As familias poderán recoller a súa tarxeta especial ou mapa de ruta nos centros sociais do Balneario, Meicende e Vilarrodís, visitar os establecementos participantes e recoller lambetadas. Unha vez completada a tarxeta, poderá entregarse antes das 19:30 h, momento no que se realizará o sorteo de vales para gastar no comercio local.
Tamén o 31 pola tarde (de 17:00 a 20:00 h) celebrarase a Festa de Samaín nos centros sociais do Alto de Arteixo, Sol y Mar e Pastoriza, con inscrición previa ata o 28 de outubro. Paralelamente, haberá Túnel do Terror nos centros sociais de Meicende, Vilarrodís e Balneario, con entrada libre en grupos reducidos ata o peche.
Con esta programación, o Concello de Arteixo convida á veciñanza a gozar dun Samaín participativo, creativo e seguro, que combina o comercio local, a convivencia veciñal e a diversión familiar.
