Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Cultura presenta unha nova edición de PRIM’ART 2026 cunha programación que aposta polo talento galego e a hibridación artística

/ Cultura presenta unha nova edición de PRIM’ART 2026 cunha programación que aposta polo talento galego e a hibridación artística

A Concellería de Cultura presenta «PRIM’ART 2026», un ambicioso programa cultural que se estenderá desde este mes de abril ata o próximo xullo. A iniciativa busca dinamizar os espazos públicos e escenarios locais mediante unha oferta ecléctica que integra danza, teatro, circo, música e artes audiovisuais, cunha especial atención á identidade galega e ás novas tendencias escénicas.

A programación arranca este venres, 10 de abril, no Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía coa estrea de “Alicia wants to”, da compañía Bengala Teatro. Esta peza, que fusiona o realismo máxico coa crítica social, dá o pistoletazo de saída a un mes de abril onde a danza terá un protagonismo destacado con espectáculos como “BenQuerer”, de Fran Sieira con Caamaño&Ameixeiras, e “Monte”, do Laboratorio Escénico, esta última en conmemoración do Día Internacional da Danza.

O programa PRIM’ART reafirma tamén o seu compromiso coa cultura tradicional a través de citas históricas como o XXVI Concurso de Música Tradicional organizado por Xiradela, o XXXVIII Día da Muiñeira e o 11º Concurso de Maios. Así mesmo, o mes de maio centrarase na literatura coa entrega do 35º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía e a tradicional ofrenda floral en Oseiro con motivo do Día das Letras Galegas.

O calendario cultural completarase nos meses de xuño e xullo coa celebración do II Certame de Teatro Amador (Premios amArte), o V Festival ArteYShow e un ciclo de concertos no Anfiteatro que contará coas actuacións de Anxo Araújo e Sofía Espiñeira. As entradas e invitacións para os eventos en interiores poderán xestionarse a través da plataforma eventosarteixo.com ou na billeteira do Centro Cívico antes de cada función.

O programa completo pódese descarregar neste enlace