O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía acolle o próximo venres 24 de outubro a representación da obra Os dous de sempre, da compañía Excéntricas, dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto.
Trátase dunha comedia para público adulto, con entrada de 4 e 3 euros, e unha duración aproximada de noventa minutos. A obra supón o regreso de Mofa e Befa, dúo escénico de referencia no panorama teatral galego, que nesta ocasión dá vida ás personaxes creadas por Castelao en Os dous de sempre.
O espectáculo revisa con humor e ironía a relación entre dous homes antagónicos, trasladando ao escenario a esencia dos pallasos de circo e dos cómicos do cinema mudo, nun exercicio de teatralidade e sátira que conecta tradición e contemporaneidade.
A autoría da peza corresponde a Quico Cadaval e Carme Varela, quen tamén asina a dramaturxia.
A cita é ás 20:30 horas,
As entradas poden adquirirse de maneira anticipada en liña ou no despacho de billetes do auditorio desde dúas horas antes do comezo da función, ata completar a capacidade da sala.