Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Arteixo e a Autoridade Portuaria investirán case 2,9 millóns de euros nunha nova obra de saneamento en Suevos e Langosteira

PUBLICACIÓN

Arteixo e a Autoridade Portuaria investirán case 2,9 millóns de euros nunha nova obra de saneamento en Suevos e Langosteira

13 Oct, 2026 | NOTICIAS

O Concello acorda coa Autoridade Portuaria impulsar un proxecto de saneamento que permitirá reforzar a rede da parroquia de Suevos e conectar o Porto Exterior de Langosteira coa estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bens. A actuación terá un custo próximo aos 2,9 millóns de euros, dos que o 90 % será achegado pola Autoridade Portuaria e o 10 % restante polo Concello de Arteixo.

O proxecto contempla a construción de sistemas de bombeo e un colector subterráneo dividido en tres tramos. O primeiro, duns 600 metros de lonxitude, discorrerá polo interior de Langosteira. O segundo, de aproximadamente 400 metros, desviará parte do trazado cara ao Porto de Suevos. O terceiro, duns 2,3 quilómetros, conectará o novo sistema de saneamento coas instalacións da EDAR de Bens a través do areeiro de Suevos, situado no límite co municipio da Coruña.

A intervención inclúe tamén a construción dunha estación de bombeo de augas residuais no Porto de Suevos, a instalación dun colector xeral para reforzar a rede da parroquia e a execución dunha condución de impulsión e dun tramo por gravidade para conectar este bombeo co Porto Exterior.

Esta obra dará continuidade á actuación que Augas de Galicia rematou o pasado mes de xuño, consistente na construción dun novo colector entre o areeiro de Suevos e a EDAR de Bens. A infraestrutura foi deseñada para aumentar a capacidade do sistema de saneamento das instalacións situadas en Arteixo e permitirá incorporar tamén as augas residuais procedentes do Porto de Langosteira unha vez executada a nova conexión.

A entrada en funcionamento de infraestruturas como o polígono industrial de Morás e os incrementos repentinos dos caudais durante os episodios de choiva intensa provocaban desbordamentos puntuais no areeiro de Suevos. O colector existente non tiña capacidade suficiente para asumir todo o volume de auga que chegaba ao sistema nesas circunstancias.

Ante esta situación, o Concello de Arteixo solicitou a colaboración das administracións implicadas no tratamento das augas residuais para buscar unha solución conxunta. O acordo permitiu artellar a execución do novo colector por parte de Augas de Galicia, cun investimento total de 2,7 millóns de euros financiado pola Consellería de Industria, Xestur, a Autoridade Portuaria e o Concello de Arteixo.

As achegas a esta primeira actuación ascenderon a 1.065.000 euros por parte da Consellería de Industria, 734.000 euros de Xestur, 518.000 euros da Autoridade Portuaria e 393.000 euros do Concello de Arteixo.

A nova conexión co Porto Exterior completará estas melloras e ampliará a capacidade do sistema para atender as necesidades de saneamento de Suevos e Langosteira.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso