A Concellería de Cultura desvela a súa nova programación cultural para os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2026. Baixo o selo «InvernArte», o Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía converterase no epicentro dunha variada oferta que inclúe teatro para adultos e familias, música, circo, monólogos e exposicións de arte.
A programación de teatro para adultos destaca polo seu contido social con pezas como «Amalia y el río» (16 de xaneiro), «O dragón de ouro» (23 de xaneiro) e «Manual de patronaxe» (6 de marzo). O humor terá un papel protagonista coas actuacións de Malasombra o 30 de xaneiro e o monólogo de David Perdomo o 6 de febreiro. Pola súa banda, o público familiar poderá gozar de espectáculos como o circo de Rauxa Cia (20 de febreiro), a música de Mama Cabra e Aurora (27 de febreiro) e a obra «Berenguela na gaiola» (13 de marzo).
A oferta complétase coa poesía e música de Lucía Aldao e Samuel Merino o 20 de marzo, xunto con diversas exposicións na sala do centro. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado na web eventosarteixo.com ou no propio despacho de billetes do centro dúas horas antes de cada función.