Descrición
Actualmente o Concello de Arteixo dispón de 5 puntos de lectura, a Biblioteca Central “Henrique Rabuñal”, a Biblioteca de Oseiro “Dora Vázquez”, a Biblioteca de Meicende “Antón Castro”, a Biblioteca de O Froxel “Francisco A. Vidal” e a Biblioteca de Pastoriza “Miguel Sande”.
A Biblioteca Central “Henrique Rabuñal” está situada no Centro Cívico “Manuel Murguía” no paseo fluvial e consta de 3 salas e un depósito de libros. A sala xeral contén as seccións de Galicia, xuvenil, fondo Local, libros en língua estranxeira, fondo árabe, publicacións periódicas e, como non, o fondo xeral.
A sección de Galicia dispón dos libros de persoas audltas escritos en galego ou que falan sobre Galicia; a sección de estranxeira aqueles libros escritos en idiomas exteriores a España. O fondo Local dispón de libros referentes a Arteixo ou escritos por autores arteixáns, ademáis de recortes de prensa sobre o Concello desde 1989. Tamén incorporouse non fai moito un fondo Árabe pola presenza no Concello, dunha ampla representación desta comunidade. En publicacións periódicas dispoñemos de 60 revistas de todo tipo e 7 xornais (un deles de contido deportivo). Tamén temos sección de cómic infantil, adulto e galego. A sala xeral dispón de 40 postos de lectura. Actualmente incorporamos unha zona de estudio con 14 postos, ubicada na sala de audivisuais.
A sala infantil consta dos libros entre 0 a 13 anos dispostos por 3 gurpos de idades: I-1 de 0 ata 7 anos, I-2 de 8 a 10 e I-3 de 11 a 13; outra diferenciación nesta clasificación infantil está na separación dos libros de contos en galego dentro de cada grupo de idade. Ademáis, nesta sala atopamos os libros de consulta para as mesmas idades. O espazo infantil dispón de 22 postos de lectura. Ademáis ten 2 ordenadores para acceso a internet para a rapazada.
A sala de Audiovisuais dispón de 6 ordenadores para uso público e tamén dispón a citada sala de estudio. As persoas usuarias poden levar en préstamo DVD con películas ou documentais con seccións similares aos dispoñibles en formato libro.
Persoas asociadas
Calquera persoa pódese asociarl ás bibliotecas municipais. Para iso, deberá cubrir un impreso que lles servirá o persoal municipal que traballa nas mesmas. Non é imprescindible unha fotografía tamaño carne pois pode facela o mesmo persoal municipal in situ. Actualmente o número de persoas asociadas está preto das 11500 persoas na Biblioteca Central “Henrique Rabuñal” e ao redor das 15000 no conxunto da Rede Municipal do Concello de Arteixo. Todas as persoas asociadas teñen dereito a utilizar as bibliotecas da Rede do Concello para o préstamo.
O número de documentos que se poden levar é de 5 libros, 2 DVD-CD e 2 revistas. Os libros préstanse 14 días (agás os superiores a 500 páxinas, 21 días), os audiovisuais 3 e as revistas 7 con posibilidade de renovación. Esta mesma renovación pódese facer vía telefónica, a través da aplicación SophiA Web (que podes atopar nas aplicacións de Apple ou Android) ou en SophiA Opac Web.
Fondos Bibliográficos
A Biblioteca Central “Henrique Rabuñal” dispón, actualmente, 30655 libros, 1030 cd musical e 2657 dvd. No referente aos libros xa distinguimos as seccións no apartado relativo a descrición do servizo; no tocante ao fondo audiovisual, os dvd están organizados como os libros, tendo especial presenza a sección das películas. Tamén existe un apartado para o fondo local e o fondo árabe. Os cedés están divididos en seccións: Pop/Rock, Folk, Jazz, Clásica, Latina, Árabe e Infantil.
No conxunto da Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo, o número de fondos bibliográficos ascende a case 51100 e no fondo audiovisual a preto dos 6800 (entre DVD e CD).
Movementos
O número de persoas usuarias varía no inverno con respecto á época estival, sendo unha media diaria de 130 persoas no inverno e de 50-60 no verán. No ano 2023 o número de persoas usuarias que visitaron as biblioteca na nosa rede foi arredor de 25000 persoas maiores de 14 anos e de preto de 14000 con idade infantil. O número de préstamos, cos datos do ano 2023, está en torno aos 29000 libros anuais e os 700 audiovisuais.
Un 16% destes préstamos son en galego, e a maioría de préstamo en ficción.
Informatización dos Fondos
O total dos fondos, tanto audivisual como bibliográfico e de revistas, está xa disposto ao público a través do sistema dixital SophiA, así como a posibilidade de ter a tarxeta virtual a través da aplicación SophiA Web, á que aludimos na sección de Persoas Asociadas. Nesta aplicación podedes facer consultas no catálogo, reservas sobre exemplares, renovacións de exemplares en préstamo ou mesmo consultar o voso historial de préstamo.
Dun tempo a esta parte tamén facemos por estar presentes nas diferentes vías que nos permiten realizar unha activa extensión bibliotecaria a través das redes sociais. Así, temos Whatsapp, Telegram, X (antes Twitter), Facebook e Instagram. Do mesmo xeito e para ter unha comunicación maior, con ánimo de dar a información máis completa posible sobre o servizo que ofrecemos na comunidade, temos o blog Palabra de Biblioteca.