A Deputación da Coruña convoca a sétima edición dos Premios PEL: Premios ás mellores iniciativas empresariais da provincia (PEL-EPR PREMIO 2025), un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende recoñecer ás mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental
como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sustentabilidade, fomentando a cultura emprendedora e potenciando o rural.
Cun orzamento total de 75.000 euros, os premios están dirixidos a pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas con domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña.
Nesta edición outorgaranse 20.000 euros á candidatura gañadora de cada unha das tres categorías seguintes:
1ª CATEGORÍA: Premio Iniciativa emprendedora: Dirixida a recoñecer a labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que iniciaran a súa actividade empresarial nas anualidades 2023, 2024 ou 2025.
2ª CATEGORÍA: Premio Traxectoria empresarial. Destinada a recoñecer a labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2022 ou con anterioridade.
3ª CATEGORÍA A PROPOSTA DO XURADO: Premio Proxección e innovación sostible: Sen postulación previa de candidaturas.
No caso de que o Xurado considere que algunha empresa que non chegou a obter o premio en calquera das tres categorías, teña demostrado méritos destacados, poderá outorgar ata tres accésits por valor de 5.000 euros brutos cada un.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel .
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 16 de maio ás 14.00 horas.
Pode consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP tanto na plataforma Subtel como na páxina web dos Premios PEL