Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto
Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto

Inicio > Maiores e alumnos do instituto Manuel Murguía participan nun proxecto de investigación da Universidade de Santiago

/ Maiores e alumnos do instituto Manuel Murguía participan nun proxecto de investigación da Universidade de Santiago

Un grupo de maiores con traxectorias migratorias e repertorios lingüísticos diversos, coordinados pola Concellería de Maiores, que dirixe Fina Zas no
Concello de Arteixo, participará co estudantado do IES Manuel Murguía na Olimpíada Trocando Linguas, que se celebrará o próximo xoves día 2 de maio
na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

A Olimpíada Trocando Linguas é o acto final das actividades de investigación participativa e de transferencia “Trocando Linguas” que se desenvolveron no marco do proxecto de investigación I+D+I EquilinGalicia: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos
falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta)comunicativas.

No marco deste proxecto e coordinados polas investigadoras da USC, Gabriela Prego, María Caamaño, Marta Estévez, e Luz Zas o estudantado dos centros educativos IES Manuel Murguía (Arteixo), IES do Milladoiro (Ames) e IES Perdouro (Burela) realizaron unha investigación en co-labor sobre os
repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos co fin de propiciar o intercambio de experiencias lingüísticas e
reflexionar sobre a intermediación lingüística.

Para isto contaron tamén coa colaboración do grupo de maiores de Arteixo, coordinados pola Educadora Animadora Social Pitusa Vaamonde do Concello de Arteixo. Os maiores participaron en calidade de “persoas expertas” polas súas traxectorias migratorias e traballaron cóbado con cóbado cos rapaces e rapazas.

O estudantado, acompañado polas docentes: Patricia Calviño, Cathia Capelán, Valentina Formoso, Mª Jesús Mourín, Bernardo Penabade, Teresa Seara e Alexandra Recarey e guiados polas investigadoras da USC, desenvolveron un traballo etnográfico en diferentes fases e con diversas actividades: xogos
lingüísticos, dramatizacións, entrevistas na rúa e faladoiros coas personas maiores.

Os resultados da investigación serán mostrados no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, o xoves 2 de maio, a partir das 10.30 horas, con retransmisión en vivo. Estará presente o Decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijo Torres e a comunidade académica da Facultade.

As investigacións pasarán a formar parte do Atlas Virtual para a Educación Lingüística na Superdiversidade. As actividades artículanse metodolóxicamente en torno á chamada ciencia cidadá orientada á comprensión da vida social e, por tanto, tamén da presenza das linguas nos diferentes espazos públicos que nos rodean na vida cotiá; neste caso, a diversidade lingüística e a intermediación lingüística dos diferentes centros educativos e concellos de Galiza.

Ir al contenido