A programación de Nadal do concello de Arteixo comezará o próximo cinco de decembro co acto de aceso da iluminación do Nadal.
Este acto aprovéitase para render homenaxe a persoas ou institucións de relevancia en Arteixo e nesta ocasión quérese render homenaxe á Asociación local de loita contra o Cancro , que cumpre cincuenta anos de existencia.
Aínda que nuns días publicarase a programación de do Nadal completa, o concello volverá instalar o seu Mercado de Nadal e a casiña de Papá Noel e o carteiro real o próximo decembro, iniciativas que se unirán a outras actividades como unha oferta de diversos eventos de lecer infantil nunha carpa que se situará na praza do Balneario e que funcionará durante todo o período de vacacións escolares.
Por outra banda, o municipio contará con outra das súas citas imprescindibles do nadal, a tradicional Feira do Galo, que ten lugar todos os anos o sábado anterior a Noiteboa. Este 2024 o evento terá lugar o 21 de decembro.
Outras das citas imprescindibles das festas en Arteixo serán as cabalgatas de Reis, que ademais da cabalgata central no núcleo de Arteixo o cinco de xaneiro, visitará en días anteriores os outros núcleos urbanos e as parroquias rurais.
Tamén se celebrará unha festa de Fin de Ano na praza do Balneario coa orquestra Olympus e as charangas NBA e Santa Campaña. O concello tamén convocará o tradicional concurso de escaparates, que premiará aos mellores escaparates de Nadal do comercio local.