O Concello asinou un convenio coa Fundación Laboral da Construción de Galicia que serviré para desenvolver no municipio o programa experiencial de formación e emprego ‘RenÓbrate’, unha iniciativa impulsada xunto coa Xunta de Galicia orientada á cualificación profesional e á inserción laboral de persoas desempregadas no sector da construción.
O programa está dirixido a 20 persoas desempregadas maiores de 18 anos, que combinarán durante nove meses formación teórico-práctica e experiencia profesional, contribuíndo ao mesmo tempo á mellora de diferentes espazos públicos do municipio.
Ao longo do proxecto impartiranse 510 horas de formación, mentres o alumnado realizará actuacións como reformas e pintura de locais municipais de uso público, traballos de acabados, pavimentación interior e reparación de mobiliario urbano.
As persoas participantes serán contratadas pola Fundación Laboral da Construción mediante un contrato de formación en alternancia, percibindo unha retribución equivalente ao 100 % do Salario Mínimo Interprofesional vixente. A actividade práctica representará como máximo o 65 % da súa xornada laboral.
O obxectivo do programa é favorecer a incorporación ao mercado laboral. Para iso, ‘RenÓbrate’ busca que o 60 % do alumnado formalice, nun prazo máximo de dous meses desde a finalización do programa, un contrato de traballo de polo menos tres meses a xornada completa en empresas do sector da construción en Galicia.
A selección das persoas participantes realizarase en colaboración coas entidades locais e coas oficinas de emprego de Galicia. Ademais das 20 prazas, elaborarase unha listaxe de reserva.
Poderán participar as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
- Estar desempregadas e ter 18 anos ou máis.
- Estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
- Cumprir os requisitos legais para formalizar un contrato de formación en alternancia durante todo o programa.
- Cumprir os requisitos de acceso ao nivel formativo correspondente.
- Aceptar as condicións básicas do proxecto.
‘RenÓbrate’ aposta por unha formación estreitamente vinculada á actividade real que desenvolverá o alumnado, adaptándose ás necesidades do tecido produtivo e mellorando as oportunidades de inserción laboral no sector da construción.
As persoas interesadas poden obter máis información nos teléfonos 981 995 093 e 981 995 095, ou nos correos electrónicos mheppe@fundacionlaboral.org e acalvino@fundacionlaboral.org.
