O concello de Arteixo detectou un aumento de vehículos que circulan a unha velocidade excesiva en vías municipais dos núcleos urbanos e do polígono de Sabón.
Esta situación motivou tamén o aumento das queixas veciñais, sobre todo no núcleo de Arteixo, polo citado aumento das infraccións de velocidade, onde se detectou nas últimas semanas que existen automóbiles que non só non respectan o límite de velocidade de sinais que limitan a velocidade a 50 km/h ou a 30 km/h segundo a zona, senón que dobran ou mesmo triplican esas velocidades.
En concreto nas últimas semanas detectáronse a dous condutores que circulaban polo núcleo de Arteixo a 143 e a 132 km por hora, concretamente na avenida de Finisterre de Arteixo. Cando as velocidades son tan altas (o tramo era de 50 km por hora), as infraccións convértense en delito e pasan a ser tramitadas polos xulgados do penal.