Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > A próxima semana comeza a instalación de 11.300 novos contadores de auga intelixentes

PUBLICACIÓN

A próxima semana comeza a instalación de 11.300 novos contadores de auga intelixentes

27 Feb, 2026 | NOTICIAS, TABOLEIRO DE ANUNCIOS

O Concello de Arteixo dá un paso máis na modernización dos servizos públicos co inicio dunha nova fase de transformación dixital na rede de abastecemento municipal. A partir da vindeira semana, a empresa pública SUMARTE comezará a instalación de 11.300 contadores de auga de última xeración en todo o municipio.

Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Arteixo/Sumagua_2025/2026, conta con financiamento dos fondos europeos PERTE para a dixitalización do ciclo da auga. O obxectivo principal é estender o sistema de telexestión e telelectura, o que permitirá renovar aproximadamente o 65% do parque total de contadores de Arteixo, que actualmente ascende a 17.590 unidades.

A instalación destes equipos intelixentes non terá ningún tipo de custo para os abonados. Grazas a este novo sistema, as lecturas de consumo realizaranse de forma automática e centralizada a través dun software especializado, facilitando un seguimento máis preciso dos caudais e axilizando o proceso de facturación.

Na gran maioría dos casos, os traballos non suporán ningunha molestia para os veciños e veciñas, xa que os contadores adoitan estar situados no exterior dos domicilios, permitindo o acceso directo dos operarios sen necesidade de entrar nas vivendas.

Con esta actuación, que se suma ás xa realizadas en zonas como o polígono de Sabón e diversos puntos do rural, Arteixo reafirma o seu compromiso coa eficiencia hídrica e a vangarda tecnolóxica na xestión dos recursos naturais.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso