Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Arteixo conmemora o Día da Danza coa representación do espectáculo «Monte» no Auditorio Manuel Murguía

/ Arteixo conmemora o Día da Danza coa representación do espectáculo «Monte» no Auditorio Manuel Murguía

Arteixo súmase á celebración do Día Internacional da Danza coa posta en escena de «Monte -versión estendida-«, unha produción da compañía Laboratorio Escénico que terá lugar o vindeiro venres 24 de abril ás 20:30 horas no Auditorio do CCC Manuel Murguía. A obra, dirixida a un público adulto, ofrece unha viaxe de sesenta minutos onde converxen a danza, a música e a palabra para explorar os vínculos históricos e emocionais entre Galicia e Cuba.

A peza conta coa autoría de Alba Fernández e a dirección artística de Maura Morales. Sobre o escenario, as bailarinas Ana Beatriz Pérez, Estefanía Gómez e a propia Alba Fernández dan vida a unha proposta que reivindica as historias en feminino e o respecto pola natureza. A música en directo será un dos eixes centrais da función con Diana Tarín na voz e percusión, acompañada por un conxunto de músicos que integran piano, baixo, guitarra e tambores.

As entradas para asistir ao evento teñen un prezo de 6 euros para a tarifa xeral e 4,50 euros para a reducida. Con esta programación, o departamento de cultura de Arteixo busca render homenaxe ás figuras das mulleres sabias e as antepasadas que mantiveron viva a conexión coa terra, aproveitando a efeméride internacional que se celebra cada 29 de abril.