Ante o elevado volume de solicitudes de información recibidas nos últimos días, o departamento de Persoal comunica o estado real do proceso selectivo para a provisión de seis prazas de Administrativo/a, como persoal funcionario de carreira por oposición libre.
Desde o departamento aclárase que, tal e como determinan as propias bases reguladoras do proceso, o prazo estrito para a presentación de instancias aínda non se atopa aberto. O inicio deste trámite está condicionado, de xeito obrigatorio, á previa tramitación administrativa nos diarios oficiais. Nestes momentos, a convocatoria atópase aínda pendente de anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e da súa posterior e definitiva publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE).
Co obxectivo de facilitar o seguimento do proceso a todas as persoas aspirantes, infórmase de que no mesmo momento en que se efectúe o devandito anuncio no BOE, a convocatoria cambiará automaticamente o seu estado na web municipal e na sede electrónica do Concello, aparecendo visible como «ABERTA». Será nese intre cando se especifiquen e determinen as datas exactas de inicio e fin para a entrega de solicitudes.

