O Concello de Arteixo deu a coñecer a programación do Nadal Cultural 2025–2026, un conxunto de actividades que se desenvolverán entre o 1 de decembro e o 5 de xaneiro en distintos espazos municipais, co obxectivo de achegar a cultura á veciñanza durante as festas do Nadal.
A programación inclúe exposicións, concertos de música, teatro familiar, roteiros de panxoliñas e a tradicional Recepción Real, configurando unha oferta diversa dirixida a públicos de todas as idades.
Entre as propostas destaca a exposición “Chicos nuevas 24 horas”, de Mabel Lozano, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía; concertos de Nadal da Banda de Música Santiago de Arteixo e do Orfeón de Arteixo; así como representacións de teatro familiar e actividades vinculadas á música tradicional.
A programación culminará o 5 de xaneiro coa saída da Gran Cabalgata e a posterior Recepción Real no Pazo dos Deportes, para a que será necesaria reserva previa.
Con esta iniciativa, o Concello de Arteixo reforza a súa aposta pola cultura como elemento de cohesión social, promovendo valores como a igualdade, a participación e o encontro comunitario durante as datas do Nadal.
